A evolución

O funcionamento básico de Ponte… nas ondas! foi evolucionando en cada edición, aínda que o esquema de preparación por parte dos docentes, mantívose no esencial.

O eixo principal durante os vinte primeiros anos foi a xornada multimedia que reunía as escolas nas ondas cada primavera, antes da finalización do curso escolar. Unha xornada que peneiraba meses de traballo didáctico e implicación nas aulas.

Todo comezaba co inicio do curso: nas primeiras edicións, o profesorado reúnese para decidir un tema que será proposto aos participantes e os primeiros pasos a dar. Despois vén o traballo nas escolas: a dinamización nas aulas, a programación de actividades relacionadas co tema, a participación na radio escolar do centro e a elaboración dun programa audiovisual. O día da emisión, prepárase a grella de programación de maneira moi precisa, na cal cada programa ten adxudicada a súa respectiva hora de emisión, o título, as horas para as conexións en directo, etc. Téñense realizado xornadas con programación en 7 estudos de radio situados nos dous lados da fronteira galego-portuguesa, e a radio brincou tamén en moitas ocasións fóra do estudio, viaxando a auditorios, museos e locais sociais e culturais e en cinco radios máis pertencentes a Rede EMUGA (Emisoras Municipais Galegas) situados ao longo do territorio galego.

Ao longo dos anos, a actividade de Ponte… nas ondas! foise despregando noutras actividades máis aló desa xornada central. Por exemplo, durante o curso 2006/2007 celebrouse a primeira Edición do “Certame de Recollida da Tradición Oral”. Esta primeira convocatoria foi unha das consecuencias directas do proceso da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ante a UNESCO, e quedou enmarcada tamén no programa da que foi a Primeira Semana da Literatura de Tradición Oral, que se desenvolveu en novembro de 2006. O obxectivo do concurso era a colaboración dos centros educativos de Galicia e Portugal na preservación do patrimonio inmaterial galego-portugués, así como a difusión, promoción e transmisión de expresións vivas da tradición galego-portuguesa. A finalidade última, así pois: buscar o achegamento do alumnado ás manifestacións culturais inmateriais presentes no seu contorno.

En anos posteriores, e froito do traballo de alumnado e docentes a través destes certames, conformouse un Arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués, de libre consulta na rede, que reúne centos de horas de audio, vídeo, imaxes e textos sobre diversas expresións ou formas da tradición oral tanto en prosa (mitos, lendas, contos, relatos orais, trabalinguas, adiviñas, etc) como en verso (romances, historias, cantares de cegos, coplas, oracións, recitados, refráns, etc).

“Os tesouros humanos vivos”, “Ponte… a contar” ou “As bibliotecas vivas” foron lema dalgunhas das edicións.

O arquivo reúne información de temas tales como os xogos tradicionais, as vivencias persoais de acontecementos históricos, os oficios tradicionais, a emigración, a represión e as ditaduras, o contrabando na fronteira, etc, cunha importante mostra de traballos que acollen mostras representativas do patrimonio común galego-portugués.

En 2002, Ponte… nas ondas! convocou a primeira Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa. Naquela edición xuntáronse fundamentalmente músicos de Galicia e do Norte de Portugal. Desde entón, este evento foi acollendo narradores orais, portadores/as de expresións tradicionais e artistas que teñen na oralidade galego-portuguesa a súa fonte de inspiración. Vigo, Paredes de Coura, Pontevedra, Melgaço, O Porriño, A Guarda ou Monção foron algunhas da localidades que acolleron a Mostra. Tamén participaron persoas da oralidade e da música de Portugal, Brasil, Angola, Monçambique e Galiza como Amélia Muge, Vozes da Rádio, Cantares do Minho, Augusto Canário, Socorro Lira, Alberto Mbundi, Timbila Muzimba, Xistra, Uxía, Mini e Mero, Mercedes Peón, Couple Coffee, etc.

A Mostra da Oralidade é un evento que reune as voces do patrimonio inmaterial galego-portugués concebido para transmitir ás novas xeracións as expresións contemporáneas desta cultura común. Nela xúntanse as persoas portadoras das manifestacións da cultura tradicional con artistas que basean o seu traballlo creativo na oralidade.

En 2011, a UNESCO proclamou o 13 de febreiro como “Día Mundial da Radio” conmemorando o día no que as Nacións Unidas crearon a “Radio das Nacións Unidas” no ano 1946. Dende entón, a conmemoración deste evento vén gañando importancia tamén no calendario anual de actividades da asociación. Exemplo disto, na edición de 2017 esta efeméride foi celebrada coa apertura do portal dixital Escolas nas Ondas (www.escolasnasondas.com) realizando oito horas de emisión en directo desde o IES Terra de Turonio de Gondomar, e divulgando a apaixonante experiencia de colaboración en directo entre o alumnado do colexio de Barbudo, en Vila Verde (Portugal) e do Cordo Boullosa en Ponte Caldelas (Galicia), unidos e nas ondas para descubrir e contar canto temos en común as dúas beiras do Miño.

Obradoiros de narración oral nos centros, obradoiros de radio ou encontros escolares de xogos tradicionais galego-portugueses son algúns outros eventos exemplo da vizosa actividade que desenvolve Ponte… nas Ondas!