As colaboracións

Ao longo de máis de dúas décadas, a Asociación incorporou ás súas actividades ao mundo da cultura para integrala no traballo do alumnado e poñela en diálogo coa experiencia de comunicación.

Da man do propio alumnado, persoeiros da música ou da literatura, integráronse e participaron da programación.

Artistas e escritores galegos, portugueses, brasileiros e doutros países da lusofonía, colaboraron nas diferentes edicións da experiencia de comunicación de Ponte…nas ondas! Músicos como Uxía, João Afonso, Dulce Pontes, Filipa Pais, Milladoiro, Chico César ou Daniela Mercury, escritores como José Saramago ou Agustín Fernández Paz, ou persoeiros como Federico Mayor Zaragoza, quen foi director xeral da UNESCO entre 1987 e 1999, son algúns dos nomes que pasaron pola programación de Ponte…nas ondas!

Grupos de música galega, portuguesa, brasileira, moçambicana ou angolana realizaron gravacións especiais promovidas por Ponte…nas ondas! Entre outros exemplos, os gaiteiros Treixadura e os Gaiteiros de Lisboa realizaron unha gravación e un videoclip conxunto dun tema tradicional común a Galicia e Portugal como actividade de apoio á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

A colaboración de importantes xornalistas radiofónicos foi tamén un importante estimulo e reforzo para a experiencia. No ano 1998 e 1999 a xornalista Julia Otero realizaba conexións en directo desde Onda Cero de Barcelona coa xornada radiofónica e dábaa a coñecer ao resto do Estado español. No ano 2000 era o prestixioso xornalista Iñaki Gabilondo quen establecía varias conexións desde a cadena SER de Madrid no seu programa “Hoy por hoy”. Tamén nese mesmo ano facía o mesmo Diamantino José desde a RDP-Antena 1 en Lisboa.

No ano 2001 foi Gemma Nierga desde Barcelona, quen con Manu Chao no estudio para saudar á audiencia de Ponte…nas ondas!, facía a ponte co estudio de Salvaterra de Miño. Tamén ese mesmo ano, o xornalista Iñaki Pena desde o seu programa Trébede de Radio 3 realizaba unha edición especial sobre a programación de Ponte…nas ondas! para toda a Peninsula Ibérica. A Radio Galega fixo emisións conxuntas con Ponte…nas ondas! e programas especiais en sucesivas edicións. Xurxo Souto realizou o seu programa “Aberto por reformas” en directo durante a programación de Ponte…nas ondas! desde o Museo Verbum de Vigo.

No ámbito do patrimonio, antropólogos galegos e portugueses préstanlle asesoría á asociación e colaboran con traballos de investigación e documentación, ademais de formar parte do equipo que realizou os traballos de elaboración do dosier da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

a educación, o patrimonio, as TICs e os medios de comunicación

Desde o punto de vista da innovación e renovación pedagóxica, a actividade da asociación contou con educadores e pedagogos que destacaron a singularidade da experiencia por reunir na súa fórmula única a educación, o patrimonio, as TICs e os medios de comunicación.