Ponte… nas ondas! recibirá o premio especial do xurado na 7ª edición da gala aRi[t]mar

Este luns 12 de decembro presentáronse os detalles da que será a sétima edición da gala aRi[t]mar de música e poesía galego-portuguesas, que reunirá o vindeiro xoves 15 de decembro no Teatro Principal de Santiago a parte dos galardoados nesta edición 2022.

No evento, Ponte…nas Ondas! recibirá o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022. A decisión do xurado, coñecida a pasada primavera na véspera do 25 de abril, quere ser “un premio para quen tende pontes entre a Galiza e Portugal”.

Na presentación da gala este luns, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a importancia de aRi[t]mar como festival de actualidade para a música e poesía galegas e portuguesas, o que atrae a moita mocidade” e fixo “mención especial este ano para o colectivo Ponte… nas ondas!, que xusto acaba de ser recoñecido pola Unesco no Rexistro de Boas Prácticas co patrimonio inmaterial”. Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron nesta rolda de prensa, que tivo lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia, representantes institucionais do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación da Coruña, do Agrupamento de Cooperación Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal e da Escola Oficial de Idiomas de Santiago.

Na cerimonia, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. A gala estará conducida por Fran Rei e Isabel Risco e contará coas actuacións en directo da artista setubalense A garota não e da galega Catuxa Salom, mentres que Mosquetera e Vieira poránlle a nota poética ao evento.

A iniciativa aRi[t]mar está promovida pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e participan e colaboran no proxecto a Facultade de Filolo​xi​a da USC,​ Conservat​o​rio Profe​sional de Música de Santiago de Compostela, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugu​ê​s de Vigo-Instituto Camões, e os centros do Ensino Português a través de Camões na Galiza: IES Arcebispo Xelmirez I (Santiago de Compostela), IES Félix Muriel (Rianxo), IES de Valga, IES Valadares (Vigo), IES Politécnico (Vigo), IES A Sangriña (A Guarda), CEIP Mariñamansa (Ourense), CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense), CEIP Oimbra e CEIP Princesa de España (Verín), e o Instituto de Ensino Secundario de Cacheiras (Teo). Tamén colaboran a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a Compañía da Radio e a Televisión de Galicia (CRTVG) que difunde a través dos seus medios os contidos audiovisuais do certame.

COMPARTILHAR

DEIXE UMA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here