PONTE...NAS ONDAS! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia ( España ) e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países.
Trátase dunha xornada que se iniciou coa emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnos galegos e portugueses. Xa desde o ano 2003 chegou ás 24 horas de emisión con programas producidos por máis de 50 centros educativos.
Estudantes de primaria, secundaria e ( desde a IX edición ) da Universidade, emiten programas de radio ( nas últimas edicións tamén de televisión por Internet ) elaborados por eles mesmos, en directo e en formatos moi diversos: concursos, variedades, música, entrevistas, conexións en directo entre diferentes estudos, etc. Aínda que o galego e o portugués son as linguas comúns da emisión, coa participaición de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia. Durante a xornada de comunicación os nenos e nenas dos todos os países participantes seguen a programación e participan activamente nela.
A motivación para empezar esta aventura foi a inauguración dunha ponte arquitectónica entre as localidades de Salvaterra de Miño (España) e Monçao (Portugal); entón, un grupo de 16 escolas decidiron establecer unha ponte de comunicación a través das ondas de radio.
Aquel ano usáronse os estudos de Ecos dá Raia de Monçao (Portugal) e outro provisional situado na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño (España); os mozos viviron con moita emoción aquela primeira xornada experimental de radio transfronteiriza e o éxito obtido forzou a súa continuidade.
Ponte...nas Ondas !
Agora que se cumpren vinte anos
Agora que se cumpren vinte anos, agora que chega por fin o recoñecemento en forma de alado Premio Ondas para unha humilde radio interescolar quero lembrar a pequena parte do camiño que fixen ao seu carón e apoiar de novo a inciativa que daquela se fanou.
En 2004 eu traballaba na fronteira, alí onde a radio confunde constantemente as estremas políticas.Alí, nesa liña imaxinaria, no instituto Pedras Rubias, estaba eu nese ano e puiden asistir de ben preto ás angueiras dun feixe de Mestres con maiúsculas. Os integrantes de Ponte nas ondas, eses heroes civís, multiplicaban as horas dos seus atafegados días para poñérmonos no mundo. Traballaban a prol de que a tradición oral galego-portuguesa fose recoñecida como patrimonio inmaterial por parte da Unesco e esa candidatura, pensabamos, tiña de gañar porque todo o tiña: sociedade civil, Escola, eurorrexión, a historia milenaria que pervive nas marxes do gran río, unha das fronteiras máis pacíficas de Europa.
Non podiamos perder e mais perdimos. Que fallou? Falaron da excesiva ambición da proposta, pero eu teño para min que algo tivo que ver tamén a cativa implicación institucional dos países. Aqueles políticos que tanto enchían a boca falando de Eixo Atlántico, de espazo interrexional, da reconfiguración do espazo europeo non acreditaron abondo na iniciativa dos mestres. Mágoa ante a cegueira. Porque o que eu vivín, implicada a pé de aula cos rapaces, foi un milagre que ás veces sucede. A mellor escola, aquela que axuda a saber quen es e de onde vés. Eu sentín a emoción dos nenos, dos adolescentes que alentados a pescudar nas súas orixes descobren o valioso da súa tradición, as precisas contornas da súa cultura. As avoas e avós como confidentes dun mundo fabuloso e singular. Ninguén fica inmune á experiencia de Ponte…nas ondas! A súa ollada cambia, alárgase, capaz de aprezar o un no diverso. Pular polo recoñecemento da tradición oral galego portuguesa significa aprender a querérmonos, un exercicio esencial de autoestima para este pobo esmagado.
A vella ponte de Túi, da que na miña nenez contaba todas e cada unha das súas trabes nas colas interminables ante a alfándega, foi o escenario dun dos actos máis emblemáticos daquela campaña ante a Unesco. Cincocentos “meniños cantores” de mans dadas unían as dúas beiras e compartían, xa non bacallao ou café, senón cancións, palabra común, música, o sentimento de estaren feitos dos mesmos soños e de habitar no mesmo espazo. Unha forza revolucionaria. A forza do recoñemento. Ás veces a sociedade civil dá leccións así, ás veces a escola convértese nun lugar desde onde pode albiscarse o mellor futuro. Por iso, agora, cómpre apoiar de novo a candidatura, con todo o noso orgullo, con toda a nosa convicción, a potencia orgullosa da identidade común, a liña máis clara da esperanza.
Rexina Vega
Escritora e profesora