Ponte... nas Ondas!

PONTE… NO BRASIL!

Ponte…nas ondas! vén realizando acordos de colaboración con diferentes entidades e institucións brasileiras.

Desde a primeira visita dunha representación do Colégio Pedro II de Rio de Janeiro no ano 2000 a coñecer in situ a experiencia de Ponte…nas ondas ! . Desde entón este centro educativo ten participado en diferentes edicións da xornada de comunicación. Outros centros educativos como a Escola Francisca Leite ou a Escola Teodosio Oliveira Ledo de Boavista teñen realizado actividades para Ponte…nas ondas!

En 2001 Ponte…nas ondas! participa no VIII Encontro das Escolas Asociadas á UNESCO do Brasil en Sao Luis do Maranhao, presentando a súa experiencia.

En 2004, con motivo do X aniversario de Ponte…nas ondas!, a Orquestra Gente que encanta do Instituto Beradéro de Paraíba visitou Galiza e Norte de Portugal e realizou varias actividades en escolas e institucións e con actuacións na Televisión Galega.

En 2011 Ponte…nas ondas! foi convidada a participar no 3º Congresso de Graduaçao e Pesquisa da Universidade Estadual da Paraiba en Campina Grande. Neste Congreso realizouse unha exposición do traballo desenvolvido co patrimonio inmaterial galego-portugués. Estaban presentes na sesión a profesora Ria Lemaire e a autora paraibana Lourdes Ramalho.

En 2014, a editora Latus da Universidade Estadual da Paraiba publica para todo o Brasil o libro-disco Cores do Atlântico, despois de ser editado por Ponte…nas ondas! para Galiza e Portugal.

En 2017, o XIX Congreso Mundial de Educadoras e Educadores Sociais convida a Ponte…nas ondas! a expoñer a súa experiencia nunha das sesións do congreso celebrado na Universidade de Campinas.

Igualemente artistas e escritores brasileiros teñen colaborado con Ponte…nas ondas! Estes son algúns nomes: Chico César, Caetano Veloso, Daniela Mercury, Socorro Lira, Margareth Menezes, Luanda Cozzeti ( Couple Coffee ), Lenine, Nélida Piñón, Reynaldo Valinho, Lourdes Ramalho, etc.