Premio Galicia Comunicación

En 2005, a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia elixiu a experiencia de Ponte… nas Ondas! como “Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos”, dentro dos Premios Galicia Comunicación 2005. O xurado estivo formado por directores de medios impresos, radios, axencias de noticias e decanos ademais de por membros da Administración.

“Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos”

A Asociación “Ponte… nas ndas” quixo facer partícipe do premio a todos os centros educativos que participaron nesta iniciativa dende a súa posta en marcha, así coma as radios tanto galegas coma portuguesas que neste tempo formaron unha parte non só importante, senón tamén imprescindible, para o desenvolvemento desta xornada de radio interescolar. Foron a Rádio Ecos da Raia de Monçao, a Rádio Ines Negra de Melgaço, Rádio Cultural de Vilanova de Cerveira, Rádio Montealegre, Radio Municipal de Tui, Radio ECCA de Vigo, Radio Allariz, a emisora Escolar Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, a Radio Galega e CMHW La Reina Radial del Centro de Cuba.

Os promotores desta iniciativa consideran que Ponte…nas ondas! ten demostrado “as potencialidades que unha iniciativa nacida nesta parte do territorio é capaz de desenvolver atendendo as posibilidades propias”, converténdose en “innovadora e pioneira”. Con Ponte…nas ondas! as escolas lograron a “incorporación activa dos xoves a un medio de comunicación como é a radio, cunha clara finalidade educativa”, unha experiencia enriquecida coa chegada das novas tecnoloxías, un feito que “agrandou as potencialidades iniciais”.

"Unha experiencia sen precedentes na historia das relacións culturais entre os pobos de aquén e de alén Miño."
(F. Fernández del Riego, 2002)

LETRAS GALEGAS 2023