TESOUROS VIVOS DO PIGP
OS TESOUROS HUMANOS VIVOS DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS
Segundo a UNESCO, os Tesouros Humanos Vivos son indivíduos que posúen en elevado grao as habilidades e técnicas necesarias para crear ou producir determinados elementos do patrimonio cultural inmaterial.
Os Tesouros Vivos son as testemuñas máis sobranceiras das tradicións culturais vivas e tamén do talento creativo de grupos, comunidades e indivíduos presentes no territorio.
O Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués posúe abondantes exemplos espallados por todo o territorio. Ponte…nas ondas! vén recoñecendo e identificando a estas persoas e grupos de portadores que avalaron a presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO no ano 2004.
No ano 2009 Ponte…nas ondas! dedicoulle a XV edición da xornada de comunicación interescolar a O PATRIMONIO DOS TESOUROS VIVOS. Os centros educativos de Galícia e Portugal desenvolveron unha programación onde se identificaron e recolleron mostra destes Tesouros Vivos.
Entre novembro de 2012 e setembro de 2013, Ponte…nas ondas! realizou o proxecto TESOUROS VIVOS DO MAR (http://tesourosvivos.webs.uvigo.es ) un estudo e inventario das persoas e grupos de portadores da cultura marítima que se poden considerar “tesouros vivos” do patrimonio marítimo.
Este proxecto, presentado polo Concello de A Guarda, que forma parte do GAC 7 Ría de Vigo – A Guarda, obtivo deste organismo parte do financiamento para a súa execución. Tal como se recollía no plano presentado, contouse coa colaboración da Confraría de Pescadores Sta. Tecla de A Guarda, a Asociación de Redeiras Atalaia do Baixo Miño e a Organización de Palangreiros de A Guarda.
Preme na imaxe para ir á web
Ponte…nas ondas! está a solicitar das administracións o recoñecemento dos Tesouros Vivos como testemuñas culturais vivas e integrantes do patrimonio cultural galego-portugués. Demandamos a creación do Sistema dos Tesouros Vivos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Pedimos tamén á sociedade galega e portuguesa que identifique a estes TESOUROS VIVOS e que nos envíen á nosa Asociación unha ficha e o material documental acreditativo dos seus saberes e coñecementos.