DÍA MUNDIAL DA RADIO
Ponte…nas ondas! celebra o Día Mundial da Radio acolléndose á proposta da UNESCO, ratificada en xaneiro de 2013 pola Asemblea Xeral da ONU.
Ponte…nas ondas! promoveu no seu momento o Manifesto das Radios Escolares que se fixo público o 13 de febreiro de 2014 con motivo do Día Mundial da Radio. O manifesto, apoiado por radios escolares de España, Portugal, Colombia, Brasil e Chile, reivindicaba unha canle de emisión e un apoio para estas iniciativas de comunicación que fomentan a participación dos xoves.
En 2015, a UNESCO adicoulle a celebración deste Día Mundial da Radio á xuventude e á radio e promoveu unha serie de accións destinadas a darlle visibilidade á participación da xuventude na radio.
Ponte…nas ondas! vén promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica para que o alumnado desenvolva a súa competencia oral e comunicativa.
Ponte…nas ondas! foi pioneira en demostrar as posiblidades comunicativas da Radio Escolar tanto no Ensino Primario coma no Secundario e Universitario, constituíndo un eixo transversal e vertebrador onde conflúen todas as áreas do ensino complementando e completando dun xeito eficaz o labor realizado dentro das aulas.
A radio é o medio da oralidade, o medio que máis contribúe a mellorar a competencia oral e comunicativa. É fundamental que a xuventude desenvolva estas capacidades na escola, nos medios de comunicación e nas redes sociais.
Para Ponte…nas ondas! a conmemoración do Día Mundial da Radio é unha unha boa oportunidade para convidar os centros educativos da Eurorrexión a participar nesta festa da comunicación radiofónica. Coincide ademais co ciclo do Entroido, unha das manifestacións máis representativas do patrimonio inmaterial galego-portugués, que ten sido traballado a través das ondas polas escolas da eurorrexión.
A directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, afirmou:
“A xuventude non está suficientemente representada nos medios de comunicación, e esta exclusión é con demasiada frecuencia un reflexo da súa exclusión social, económica ou democrática. Os xoves produtores ou difusores son aínda pouco numerosos. Escasean tamén os programas dedicados á xuventude e as emisións elaboradas por xoves. Este déficit explica os numerosos estereotipos sobre os xoves que circulan nos contidos editoriais e nas ondas.
A radio ofrece medios para o cambio.
É un vector de cohesión, de educación e de cultura.”