Entrega dos premios do V Certame de Recolla da Tradición Oral Galego Portuguesa

O pasado venres día 18 celebrouse o acto de entrega dos premios do V Certame de Recolla da Tradición Oral Galego Portuguesa que organiza a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! que tiña como lema «As bibliotecas vivas:historias de vida»

No salón de actos da Cámara de Valença do Miño reuníronse perto de cen persoas representantes das escolas premiadas que asistiron a un acto entre lúdico e formal no que houbo tempo para a entrega dos premios e as actuacións musicais que fixeron que se pasaran uns intres entretidos. As escolas premiadas este ano foron: Jardim de Infancia de Boavista Aldreu do concello de Guimaraes, Agrupamento de Escolas Abel Barzim de Vila Seca concello de Barcelos,Escola Secundaria de Arouca, IES Fontem Albei de A Fonsagrada,Escola Básica 2,3 de Briteiros e un accésit para o Programa Mentor IGAXÉS 3 do Instituto Galego para o Terceiro Sector de Ourense.

Na acta do xurado agradecíase a colaboración do profesorado e do alumnado participante porque amosan co seu interés que» promover un futuro para a cultura común obriga a sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia da conservación e da transmisión xeneracional dos saberes, técnicas e coñecementos que nos foron legados»

Presidiron o acto o alcalde de Valença de Miño Jorge Mendes, o alcalde de Guimaraes Antonio Magalhaes o presidente e a vicepresidenta de Ponte…nas ondas! Santiago Velos e Lourdes Carita respectivamente sendo presentado por Xerardo Feijoo secretario da asociación.

Os títulos dos traballos gañadores amosan a variedade do campo aberto no eido do Patrimonio inmaterial e exiben un amplo abano de «libros vivos» que son as persoas que detentan os saberes que estamos interesados en rescatar. Algúns destes títulos son: «Entre o Traje Regional e a lenda…un libro vivo: D.Gracinda, «As bibliotecas vivas: Dª Palmira e Dª Almerinda Casanova»,»Fragmentos de felicidade», «Manuel,mestre de lembranzas», «Historia da criaçao do grupo folclórico da Casa do Povo de Briteiros» e «A profisión de Naceiro.Vivencias de dous mestres afiadores de Ourense»

Ao fin do acto de entrega dos premios procedeuse a convocar o VI Certame de Recolla do Patrimonio Oral Galego Portugués baixo o lema «Ponte…a contar» no que se convida ás escolas galegas e portuguesas a furgar nas memorias dos portadores e rescatar delas os vellos contos tradicionais que alí están recollidos para mostrallelos ás novas xeracións.

Clica aquí para ver as fotos do acto

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here