Ponte... nas Ondas!

26 aniversario de Ponte…nas Ondas!

PONTE…NAS ONDAS! Unha ponte de palabras e amizade

Todo comezaba un 29 de marzo de 1995…ou tal vez antes…

O 29 de marzo de 1995 nacía nas ribeiras do Miño, Ponte…nas ondas! coincidindo coa inauguración da ponte entre Salvaterra de Miño e Monção, 15 centros educativos das dúas beiras realizaban a primeira “Xornada Experimental de Radio Interescolar”, con 13 horas de radio desde a Casa da Cultura e a radio Ecos da Raia de Monção.

Desde aquel exitoso “experimento” radiofónico, que viña a establecer a necesaria comunicación entre as dúas marxes, a experiencia de Ponte…nas ondas! foise ampliando mantendo a continuidade no tempo e dando cabida a diversas actividades que sempre tiveron como obxectivo principal fomentar a comunicación entre Galicia e Portugal.

A re-transmisión do Patrimonio Común

O traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués, o seu labor de difusión e transmisión ás novas xeracións orixinou a presentación, en 2004, da primeira Candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués promovida desde centros educativos diante da UNESCO.

Agora, cando se cumpre o 26 aniversario do nacemento da experiencia, Ponte…nas ondas! está proposta por Portugal e España como candidata a ser inscrita no Rexistro das Mellores Prácticas co patrimonio cultural inmaterial da UNESCO.

Así comezaba todo

Os prolegómenos de Ponte…nas ondas! están no curso 1992/93, precisamente noutra experiencia trans-fronteiriza entre o Colexio Público de Leirado ( Salvaterra de Miño ) e a Escola Preparatoria de Monçao. Nese curso escolar a comunidade educativa de ambos centros prepararon a filmación dun vídeo escolar arredor dun poema do poeta monçanense Joao Verde e doutro complementario do escritor compostelano, Amador Saavedra, “ Vendo-os assim tao pertinho”.

A historia recreou co alumnado galego-portugués, entre Salvaterra e Monçao, unha historia de amor que se denominou “Os amores que o Miño separa”, narrada no documental Pontes…nas ondas! ( publicado no disco-libro-dvd NA PONTE, www.naponte.com ) por unha das protagonistas, Rocío Pereira, alumna do colexio de Leirado en Salvaterra. Aquí:
( https://youtu.be/2AlL397spcM )
Rocío Pereira participaría ao ano seguinte na primeira edición de Ponte…nas ondas! Ese 29 marzo a súa foi unha das voces que inaugurou a ponte sobre ondas desde o estúdio da Casa da Cultura de Salvaterra e a emisora “Ecos da Raia” de Monçao.

E non era un día calquera. Todo o Sur de Galicia e do Norte de Portugal asistían com grande expectación á inauguración da nova ponte sobre o Miño. Unha infraestrutura que viña a mellorar a comunicación entre Galicia e Portugal e a substituír a un precario transbordador que nese día aínda ofrecía os seus últimos servizos.

Os preparativos

Tamén desde os centros educativos das dúas beiras se agardaba com interese a nova ponte e… había que celebralo !

Un grupo de profesorado que estaba a realizar experiencias de radio escolar nos seus centros decide coordinarse e preparar unha xornada radiofónica con alumnado das dúas beiras. Mans á obra ! Coordínase a participación dos centros, de primaria e secundaria, a asistencia aos estudios de Monção e de Salvaterra, o día establecido que tiña que coincidir coa da inauguración.
Precisábase un emisor de FM na Casa da Cultura de Salvaterra. Os colexios de Altamira de Salceda e Cruz Budiño de O Porriño ofreceron os seus. Nos días anteriores, probouse a conexión da antena ( pendurada dun pau no exterior da Casa da Cultura co emisor da radio Ecos da Raia ). A potencia era suficiente para chegar ao seu estudio, desde alí faríase a emisión para todo o territorio a través da frecuencia, o 90.6 da FM.

Todo estaba preparado. O día anterior fixéronse probas ata altas horas da noite. Mais…non había confianza ! Decidiuse na última hora que os presentadores de Portugal se xuntasen aos galegos no estudio da Casa da Cultura, por se fallaba a conexión ! Nas imaxes de vídeo pódese comprobar, nas ondas da radio as voces soaban con “sotaques” das dúas beiras do río.

E nos centros educativos, as radios leváronse ás aulas para vivir con intensidade a programación que durante meses fora preparada para o día. A FM achegaba ao interior das aulas a emoción do alumnado que durante todo o día ía construíndo o relato das voces máis novas que agardaran moitos días para facer realidade o soño de saír pola radio e seren escoitados polos colegas e polas familias nas súas casas.

As chamadas telefónicas

Entre os preparativos e no deseño da xornada “experimental” tamén estaba contemplar a participación do alumnado e das familias que seguirían a programación. Para iso era necesario habilitar liñas de teléfono para seren atendidas por telefonistas fóra de antena, recollendo os datos dos oíntes e dando resposta á pregunta “ Que vas facer ti para mellorar a relación entre os dous pobos ? “

Para iso foi necesario un convenio coa compañía Telefónica para que instalase liñas para ese día, convenio que se mantivo durante varios anos e que mesmo permitiu realizar unha video conferencia profesional con Brasil e Mozambique. Tamén, co ofrecemento desta compañía, se realizaron emisións de audio e vídeo por Internet no ano 1998. En 1997 xa se fixera unha primeira proba, cando aínda ningunha emisora comercial emitía por Internet.

O 29 de marzo

Os comezos da xornada poden verse nas imaxes gravadas por alumnado do CEIP Altamira de Salceda de Caselas quen co Raúl Francés como profesor-director rexistraron boa parte dos rexistros de vídeo que se conservan. Así foi: https://youtu.be/YujYuRA_gAA

A tensión era máxima, o experimento funcionaba, e desde os centros comezaban a chegar as chamadas confirmando que estaban a escoitar a programación nas aulas. Desde as casas, as familias escoitaban as voces dos seus fillos e fillas…pola radio !

Mentres tanto, nos arredores da ponte unha morea de xente congregábase para celebrar os actos da inauguración, alleos as voces que sobrevoaban as ondas do Miño. O Ministro das Obras Públicas de Portugal encargouse de inaugurar a nova obra xunto cos alcaldes de Monção e Salvaterra de Miño.

Ao longo do día foron emitíndose os programas dos diferentes centros participantes. Os teléfonos non deixaron de soar nos concursos en directo. As chamadas telefónicas ( internacionais ! ) dun estudio ao outro pasaban pola radio dunha frecuencia a outra de tal modo que unha chamada local a Salvaterra era atendida en Monção por estar conectados os dous estudios. A complexidade técnica superaba en moito os precarios medios do pequeno estudio de directo da Casa da Cultura de Salvaterra de Miño onde noutra sala aparte os teléfonos que recollían as chamadas fóra de antena non deixaban de soar e as voces dos telefonistas mesturábanse no ar nun barullo incesante provocado polas 4 liñas que se atendían en catro mesas separadas.

Intensidade

A emisión, conforme pasaban horas ía gañando intensidade, a participación era cada vez maior, agora tamén desde as casas unha vez rematadas as aulas. A Ecos da Raia acollía unha visita, improvisada, dun emocionado alcalde de Monção que, como profesor dicía que a nosa ponte chegaría máis lonxe que a que viña de inaugurar, unha auténtica “autoestrada” ( podcast : https://go.ivoox.com/rf/67466442 ).

Cando xa se achegaba a media-noite, era o momento do sorteo das bicicletas, o momento polo que agardaban as máis de 500 persoas que ao longo da xornada participaran e responderan á pregunta formulada fóra de antena.

Deste xeito, chamando aos domicilios dos gañadores, poñíase fin a unha intensa xornada que fora vivida con emoción nas aulas, nas familias e…nas ondas! Inaugurábase así unha ponte que hoxe, no ano 2021 está candidatada na UNESCO como modelo das mellores prácticas co patrimonio cultural inmaterial.

FLICKR
Materiais do ano 95: imaxes, cartel, díptico, prensa, testemuñas alumnado.

26 anos ( 1995-2021 )

VÍDEO

AUDIO

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas