Ponte... nas Ondas!

27 de Marzo, Ponte…nas Ondas! presenta unha grande xornada de radio e patrimonio

No auditorio do edificio Miralles da Universidade de Vigo, a organización da xornada xunto coa Vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama da Universidade de Vigo presentaron as actividades que ao longo deste ano está a desenvolver Ponte…nas ondas! con motivo do 25 aniversario.

Ponte…nas ondas ! agradece a participación das escolas e institutos de Galicia e do Norte de Portugal e a colaboración das emisoras de radio públicas e locais na xornada de radio a celebrar o vindeiro 27 de marzo. Nela están xa inscritos 55 centros educativos e tamén grupos das Universidades de Santiago, Vigo e Trás-Os-Montes, que participarán nos programas desde os 22 lugares de emisión repartidos por toda a Eurorrexión, ademais dos programas que serán realizados nos propios centros educativos.

Desde a Universidade de Vigo farase a coordinación e a emisión en streaming de audio e vídeo realizado por Uvigo TV, a televisión da Universidade de Vigo, a través do portal Escolas nas ondas ( www.escolasnasondas.com ). No auditorio do edificio Miralles desenvolverase unha programación elaborada en directo por centros educativos de Vigo e comarca entre as 10.00 e as 14.00 horas con convidados e actuacións musicais como a de Magín Blanco e Mª José Pérez, entre outros.

Na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverase unha programación especial entre as 10.00 e as 14.00 horas na que participarán alumnado da Facultade e de centros educativos de Santiago. Nunha mesa redonda sobre o patrimonio común galego-portugués participarán Valentín García da Xunta de Galicia, Carlos Quiroga da AGAL, Victor Freixanes da Real Academia Galega, entre outros. Actuarán como convidados Tanxugueiras, Deteriorados, Leo i Arremecághona, Luis Caruncho, Susana Seivane e as gaiteiras Meniñas da Saudade.

Desde Braga, a Radio Universitaria do Miño (RUM) realizará unha emisión especial con escolas do municipio entre as 16.00 e as 18.00 horas e con convidados e músicos da regiao do Minho.

En Ponteareas, coa colaboración do Concello, o auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá unha programación en directo entre as 10.00 e as 14.00 horas, realizada por centros educativos da comarca , que será retransmitida en streaming pola emisora Si radio.

En Chaves, tamén no auditorio municipal e coa colaboración dos concellos da Eurocidade Verín-Chaves, os centros educativos porán en antena unha programación en directo entre ás 10.00 e as 14.00 horas que será retransmitida por Radio Chaves.

Ademais faranse programas en directo desde distintas emisoras galegas e portuguesas, como Radio Piratona, Radio Redondela, Radio Allariz, Rádio Montalegre, Rádio Afifense, Radio Caminha, Radio Tui, Onda Cero Monforte, Cadena SER Carballiño, Radio Fene, Radio Ames, CUAC FM, Radio Vale do Minho e Radio Cultural de Cerveira.

Por último, distintos centros educativos uniranse á celebración con programas especiais desde as súas radios escolares.

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

Varios artistas, como Magín Blanco, Uxía, Dulce Pontes, Vozes da Rádio e Voces del más acá estrearán temas compostos para esta conmemoración do 25 aniversario de Ponte…nas ondas!

CONEXIÓNS

Están previstas distintas conexións con emisoras de radio comerciais de todo o Estado e de Portugal.

DOCUMENTAL

Durante toda a xornada do 27 de marzo, un equipo de profesionais desprazarase aos distintos estudios de radio e lugares de realización para gravar as emisións e as colaboracións musicais coa finalidade de elaborar un documental que mostrará toda a actividade desenvolvida.

25 ANOS DE BOAS PRÁCTICAS

Ponte…nas ondas ! vén desenvolvendo ao longo deste período actividades de dinamización e transmisión do patrimonio inmaterial galego-portugués ás novas xeracións de Galicia e de Portugal. Entre outros recoñecementos obtivo o selo de “Buena práctica Iberoamericana” polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España ou o Premio Ondas á “mellor cobertura informativa” do patrimonio inmaterial galego-portugués. En 2016 foi acreditada pola UNESCO como ONG consultora para o patrimonio inmaterial.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas