O martes 5 de novembro, no Consello da Cultura Galega.
Como parte das actividades do Mes do Patrimonio e a colaboración entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e Ponte… nas Ondas!, este martes 5 de novembro, ás 17h, terá lugar en Santiago de Compostela a proxección do documental A última viaxe do afiador. Participará no evento o seu director, Aitor Rei, quen falará de Florencio de Arboiro e presentará unha peza que se achega a esta persoa portadora do patrimonio cultural inmaterial (PCI) que faleceu o pasado 25 de setembro.
“Queicoa”, significa en Barallete, a lingua dos afiadores; Deus, heroe, loitador, ser grande, mítico. Desde hai máis de tres séculos ata os nosos días, aos vellos afiadores de moita sona, moitos camiños e millares de quilómetros ás súas espaldas, chámannlle Queicoas. Eran homes bravos, duros, curtidos de traballar nos campos dunha das zonas máis pobres de Europa. Por iso as montañas galaicas escupíanos ao mundo nunha viaxe a ningunha parte e coa única compañía do xirar dunha roda.
Aitor Rei é director, actor, guionista e produtor de cine. En 2010 fundou a produtora Boneca Lareta que dirixe e desde a que leva producido diversos proxectos audiovisuais con importantes recoñecementos como a Mención Especial na 60 Seminci. Entre as súas longametraxes están Frankestein 04155 ou A última viaxe do afiador. Ten participado como actor en seríes como Pazo de Familia, Matalobos ou Libro de Familia. Tamén foi actor con Sarabela teatro ou Teatro do Noroeste en obras como O asombro da auga, A escada dos tempos, Romeo e Xulieta ou Historias peregrinas.