O PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL NAS AULAS
PNO! convida aos centros educativos de Galicia e Portugal a celebrar o Día internacional do PCI cunha serie de propostas didácticas e un cartel que poden descargar desde a súa web www.pontenasondas.org
A UNESCO proclamou o ano pasado o día 17 de outubro como o Dia Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), xuntando así unha nova data á do 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio.
A Asociación Cultural e Pedaxógica Ponte…nas ondas! (a única entidade en Galicia acreditada pola UNESCO para o PCI) propón nesta segunda conmemoración un programa para todos os centros educativos para que integren e celebren nas aulas o PCI. Ao mesmo tempo, súmase ás accións que en todo o mundo se desenvolven arredor deste patrimonio vivo, o das persoas e das comunidades portadoras. Nese sentido, Galicia é pioneira na creación dunha rede de centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” que están a integrar o PCI nos seus plans xerais de centro e que conta co apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Ponte…nas ondas!, que foi considerada un “modelo de boas prácticas” co PCI pola UNESCO, a proposta de Portugal e España, anima á sociedade a acoller esta celebración e a tomar conciencia das expresións e manifestacións do noso patrimonio inmaterial. Apela ás escolas para que transmitan o valor da cultura inmaterial ao alumnado.
OBRADOIROS “FALAMOS NAS ONDAS”
A Deputación de Pontevedra colabora con Ponte…nas ondas! na transmisión do patrimonio ás novas xeracións mediante un convenio específico para dinamizar este patrimonio entre as novas xeracións.
• Realizaranse obradoiros de radio e patrimonio inmaterial en 10 centros educativos da provincia
• Todos son centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” integrados na rede creada pola Consellería de Educación
Mediante un convenio de colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! a Deputación de Pontevedra colabora na preservación, a difusión e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial, especialmente entre os escolares de centros educativos transfronteirizos, así como a difusión e a promoción do Patrimonio Cultural Inmaterial común galego-portugués, fomentando o coñecemento e a transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.
O valor da transmisión
Cando se vai celebrar por segundo ano o Día Mundial do Patrimonio Cultural Inmaterial, o 17 de outubro, Ponte…nas ondas! achegará a unha decena de centros educativos da provincia unhas sesións prácticas de traballo co PCI e coa radio como medio de comunicación e de retransmisión deste patrimonio.
A UNESCO considera que se debe integrar na práctica educativa todos os ámbitos do PCI a rede de centros “modelo Ponte…nas ondas! se boas prácticas co PCI” é un exemplo disto. Os obradoiros son un modelo deste bo facer co patrimonio.
Unha sesión práctica co alumnado para realizar a gravación dun podcast en directo
Ponte…nas ondas! achega as expresións do patrimonio e o traballo coa edición de radio e podcast aos centros educativos. Unha sesión práctica para que o alumnado realice gravacións e podcasts da man de dous profesionais da locución e da música: Damián Alonso e Pancho Álvarez.
Un grupo de alumnado prepara o guión e a organización dun programa de radio e podcast con contidos preparados por eles. Practican e aprenden a gravar un podcast en directo da man de Damián Alonso.
Outro grupo coñece as expresións do PCI e as músicas tradicionais, con Pancho Álvarez preparan as músicas que van interpretar en directo na gravación do podcast, con instrumentos e voces. Os dous grupos xúntanse e gravan o podcast con posibilidade de público durante a gravación. Narración oral + música + canto + expresión oral + radio + podcast
Centros participantes:
1. CEIP PETELOS. Petelos. (20/10/2025)
2. IES PEDRAS RUBIAS. Salceda de Caselas
3. IES INDALECIO TIZÓN. Tui.
4. IES ALEXANDRE BÓVEDA. Vigo.
5. CEIP DO FOXO. A Estrada
6. IES A. LOSADA DIÉGUEZ. A Estrada
7. IES SÁNCHEZ CANTÓN. Pontevedra
8. IES VALADARES. Vigo
9. IES PONTECALDELAS. Pontecaldelas
10. CEP CARLOS CASARES. Salvaterra de Miño
PREMIOS DO CERTAME “As imaxes do patrimonio”
Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio proclamada pola UNESCO o 16 de novembro, Ponte…nas ondas! fará un acto de entrega dos premios do 8º Certame “As imaxes do patrimonio” no que participan centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal. A Deputación de Pontevedra colabora na celebración desta Gala do patrimonio para os escolares da eurorrexión que recollerán os premios aos traballos presentados ao certame. O acto contará coa actuación do grupo Pesdelán que farán unha sesión práctica de danzas tradicionais galego-portuguesas.
Os traballos gañadores xa se poden consultar na web: https://pontenasondas.org/viii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
30 aniversario de Ponte…nas ondas !
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! é unha entidade sen ánimo de lucro, cuxo principal obxectivo é a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a preservación, difusión e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, realizando actividades de dinamización para a promoción e coñecemento deste patrimonio cultural inmaterial, fomentando a identidade común dos pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea. Ao mesmo tempo, a asociación traballa na recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos y portugueses, protexendo e divulgando o Patrimonio Cultural Inmaterial compartido entre as dúas beiras do Miño. Desde o 2016 é entidade consultora da UNESCO para o PCI, a única entidade acreditada en Galicia.