• Escolas galegas e portuguesas envían ao certame unha selección das imaxes peneiradas polas familias para traballar o patrimonio inmaterial nas aulas
• Como en anos anteriores, contémplase tamén unha categoría de podcasts, na que participarán varias ducias de pezas elaboradas polo alumnado
• Logo da análise do xurado, as propostas gañadoras coñeceranse o próximo outono.
• Esta semana, PNO! recolle tamén o XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.
Arredor de medio milleiro de fotografías antigas e varias ducias de podcasts foron recibidas e admitidas ao concurso unha vez pechado o prazo a finais do mes de xuño, para a VIII edición do Certame Imaxes do Patrimonio convocado por Ponte… nas Ondas! Escolas de Barcelos, Porto, Monção ou Póvoa de Varzim, en Portugal, ou de Ponteceso, Ferrol, Negreira, Ordes, Foz, Mos, Santiago de Compostela, Vigo ou Noia, entre moitas outras localidades de Galicia, enviaron mostra do seu traballo nas aulas co patrimonio inmaterial.
Recuperar fotos antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe. Así de sinxela é a proposta que, un ano máis, Ponte…nas Ondas! lanzou ás escolas: un certame de fotografías antigas para realizar en familia e onde a xente nova pode coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. E é que con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións.
Voces para as imaxes
As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. Precísase que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familia para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas.
Ademais, desde a cuarta edición do certame, o alumnado pode tamén elaborar podcasts sobre as imaxes. Trátase dun recurso de participación engadido, a través do que o alumnado terá a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza etc, sobre as instantáneas e o seu contexto.
Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, ou un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, foron exemplo das estampas gañadoras o ano pasado, todas elas con grandes historias que as acompañaban.
Unha traxectoria chea de recoñecementos para alumnado e docentes
Este 2025, PNO! celebra tres décadas a difundir, preservar e valorizar o PCI de Galiza e Portugal, a través da dinamización de programas radiofónicos, actividades e proxectos desenvolvidos, quer en contextos educativos, quer en contextos informais, xunto das comunidades portadoras.
PNO! foi considerada pola UNESCO, en 2022, como un “Modelo de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI)”, nunha candidatura presentada por parte de Portugal e España que deu na primeira inscrición nesta lista para Portugal e Galicia.
PNO! recibiu tamén en anos recentes o Premio da Cultura Galega 2023, na categoría de Lingua; o Premio Especial do Xurado aRi[t]mar á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona e a Medalla Municipal ao Mérito outorgada pola Câmara Municipal de Valença, en 2022; o Premio Meendinho, en 2021 ou o Premio Lois Peña Novo, en 2017. Anteriormente, PNO! acadou tamén entre outros recoñecementos, o Premio Ondas (2014), o Premio “Bos e Xenerosos” da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2005) ou o Premio Galicia de Comunicación (2005).
O venres 18 de xullo está prevista na Coruña a gala de entrega do XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña. A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, foi recoñecida con este galardón na categoría para entidades, “por constituír unha iniciativa educativa e cultural pioneira que leva promovendo, dende 1995, o uso da lingua galega en contextos reais, creativos e interxeracionais”.