• Alumnado de ducias de escolas galegas e portuguesas participou nas dez emisións en directo desde Allariz, Caión, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Valença de Minho, Viana do Castelo, Vigo e Vimianzo este venres 24 de abril.
• Preto dun cento de centros educativos da Eurorrexión participaron activamente na programación, que incluíu múltiples convidados/as e puido seguirse en directo a través da web de Ponte…nas ondas!
Cun “Viva Ponte… nas Ondas!” comezaba ás 9 h en Vimianzo, o punto de emisión que inaugurou a xornada, o evento radiovisual deste 24 de abril. E logo de varias horas de emisión ininterrompida, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) completa con éxito a celebración dunha nova xornada radiovisual desde diferentes puntos de Galicia e norte de Portugal. A asociación, que é ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO, reuniu a case un cento de centros educativos galegos e portugueses nesta gran festa, que tivo dez puntos de emisión en directo e na que participou alumnado de diferentes etapas formativas.
O auditorio do Museo de Artes Decorativas de Viana do Castelo, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a Radio Municipal de Allariz, os auditorios de Caión na Laracha ou do Vello Cárcere de Lugo, foron algúns dos escenarios onde se realizou o “radiovisual” de PNO este venres 24 de abril. A xornada comezou ás 10.00h. da mañá (9.00 h. en Portugal), na maioría de puntos de emisión, a onde os centros educativos se desprazaron para participar en rigoroso directo nas diferentes grellas de programación de cada lugar, cos contidos que prepararon nas aulas.
Patrimonio, educación, TICs e comunicación
A programación do “radiovisual” contemplou unha grande variedade de formatos e de guións radiovisuais que os diferentes centros prepararon para a súa realización en directo: entrevistas, actuacións, performances, magacines, intervencións literarias, teatro, danza… A participación de persoas e comunidades portadoras do patrimonio foi outra das principais intervencións na programación, transmitindo os seus saberes e facendo demostracións in situ.
A xeito de exemplo, desde a Costa da Morte chegaron as regueifas e toda a marea da cultura marítima xunto coa recuperación dun antigo curtidoiro de peles. En Santiago de Compostela a Facultade de Comunicación encheu os estudios de radio con alumnado de nove centros educativos da cidade e arredores. En Lugo participaron no radiovisual o proxecto musical de Iria Estévez ‘Camiños do fado’ e Branca Villares co grupo Troupelear. En Ourense a tecedeira Concha Outeiriño transmitiu os seus saberes e Lito achegou a práctica dos xogos tradicionais. En Allariz foi tamén presentado o Cancioneiro galego-portugués. En Pontevedra o alumnado de Marín realizou un maio durante a programación. En Vigo asistimos á representación dunha peza teatral recuperada en Salceda de Caselas. En Valença do Minho encontráronse escolas das dúas marxes do Minho para falar das pesqueiras, do contrabando ou do ciclo do liño e asistiron á inauguración os alcaldes da Eurocidade Tui-Valença. E en Viana do Castelo puidemos asistir no Museu de Artes Decorativas a unha demostración dos bordados de Viana ou á exhibición de pezas téxtiles do Museu do Traje.
A RADIO DE BEGOÑA
As escolas tamén aproveitaron para a homenaxe á autora a quen se lle dedica en 2026 o Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, xornalista radiofónica que inspira ao alumnado participante na experiencia de Ponte…nas ondas!
Ao fío, PNO! difundiu tamén este venres o novo videoclip de Uxía con Malvela, unha fermosa homenaxe musical a Begoña Caamaño.
Ademais, PNO! divulgou unha serie de catro vídeos, coa participación da propia Uxía e de Beatriz Caamaño, irmá da homenaxeada, enfiados arredor das temáticas da radio, a pedagoxía, o xornalismo ou a lusofonía, entre outros temas.
ESPAZOS DO RADIOVISUAL
– Auditorio de Caión (A Laracha)
– Auditorio de Vimianzo
– Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago de Compostela)
– Auditorio do Vello Cárcere (Lugo)
– Auditorio Marie Curie (Ourense)
– Radio Municipal de Allariz
– Auditorio Miralles (Universidade de Vigo)
– Auditorio IES Luis Seoane (Pontevedra)
– Auditorio A.E. Muralhas do Minho (Valença do Minho)
– Auditorio Museu Artes Decorativas (Viana do Castelo)
Modelo de boas prácticas co patrimonio
A organización deste evento contou coa colaboración de diferentes institucións como a Xunta de Galicia, Deputacións, Concellos, Universidades e Centros de Formación de Profesores de Galicia e de Portugal que colaboran con Ponte…nas ondas! para que se visibilice o “modelo” que a UNESCO incluiu no Rexistro das Boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) en 2022 a proposta de Portugal e España.
Ademais, este ano, o modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial está sendo o exemplo escollido pola UNESCO para a futura plataforma das boas prácticas co PCI que será presentada no mes de decembro en Xiamén (China).
A educación, o patrimonio, a comunicación e as tecnoloxias son os núcleos do “modelo Ponte…nas ondas!” que foi inscrito no Rexistro das boas prácticas da UNESCO a proposta de Portugal e España en 2022, a primeira inscrición para Portugal e para Galicia.



