Ponte... nas Ondas!

Gondomar tórnase lugar de encontro do teatro lusófono co Ponte… na escena

Facer de Gondomar referencia para o teatro da lusofonía. Ese é o obxectivo da segunda edición do ‘Ponte… na escena’, o festival de teatro organizado pola asociación Ponte… nas ondas, que se celebrará do 8 ao 11 de maio. Fran Núñez, membro de Limiar Teatro e programador deste encontro explicou na presentación do mesmo que “a programación deste ano supón un salto cualitativo con respecto á primeira edición, pasando de tres a catro xornadas e incorporando por unha banda ao público infantil con importantes apostas; e por outra, un foro de teatro que materializa o verdadeiro espíritu de intercambio cultural deste festival”, segundo recolle unha nota de prensa enviada pola organización.

O ‘Ponte… na escena’ proxectará o documental ‘Morreu o demo, acabouse a peseta’, da Asociación Morreu o demo, que recupera a historia do teatro de marionetas a partir da figura de Barriga Verde. Viravolta Títeres terá ademais presenza no festival coa exposición Onde foi Barriga Verde? no Auditorio Lois Tobío. De São Paulo (Brasil) chegará Boccacione, con dous espectáculos, un para os máis pequenos, ‘O jovem teimoso que não queria morrer’, e unha representación dun clásico da literatura brasileira, ‘A igreja do diabo’, de Machado de Asís.

Fafe Cidade das Artes, parceiros do festival, presentarán o espectáculo de rúa, ‘Zé do pito o mata 7’, baixo a dirección de Moncho Rodríguez. E desde a Bahía, com Maren Vargens como directora, chegará a compañía Toca de teatro, cunha recoñecida obra, ‘Amnésis’.

A presenza internacional increméntase coa chegada dunha compañía da lusofonía instalada en París, GoudouTeâthre, que presenta ‘Almanaquem para uma viagem’. E pechando o festival, o domingo pola tarde, outra destacada compañía brasileira, Por Volta de Logo e Depois, coa peza ‘María sou eu’, un solo de Alexandra San Martín sobre a ditadura brasileira, que chega recoñecida con premios en Arxentina e Brasil. Ponte…Na Escena adéntrase nesta edición, tamén, noutros territorios artísticos co concerto da cantante JU, quen mantén unha estreita colaboración coa escena teatral e que chega cunha proposta musical que forma parte dun espectáculo de teatro.

Segundo lembrou o organizador do festival, Santiago Veloso, “o festival naceu o ano pasado dentro do proxecto Ponte…Nas Ondas, coa vontade de crear un espazo para a troca dentro das artes escénicas do ámbito lusófono”. Pola súa banda, Ignacio Troncoso, concelleiro de cultura de Gondomar, afirmou que “aínda que pareza estraño, ate o pasado ano non existía un festival de teatro lusófono en Galicia. E nós, con grande tradición teatral e vocación de territorio transfronteirizo, apostamos fortemente por esta colaboración”.

Fonte http://montsedopico.com/review/gondomar-tornase-lugar-de-encontro-teatro-lusofono-co-ponte-na-escena/

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas