Alumnos e alumnas de 4º da ESO poden explicar como se fai un podcast, un programa de radio ou unha retransmisión radiofónica. Iso foi o que fixeron na Universidade de Vigo un grupo os estudantes do IES Terra de Turonio de Gondomar representando a Ponte…nas ondas! no Master do Profesorado, xunto con Santiago Veloso, profesor do centro.
No seu instituto, un dos centros de Ponte…nas ondas!, realizan emisións en directo a través de Internet, elaboran podcasts de diversas temáticas e difunden vídeos e audios a través das redes sociais e Whatsapp.
O pedagogo e profesor do Master da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Cid introduciu as dúas sesións e destacou a traxectoria de Ponte…nas ondas! como unha das iniciativas de renovación pedagóxica e innovación educativa máis importantes das últimas décadas. Ademais salientou o papel realizado polas escolas galegas e portuguesas na recuperación e posta en valor do patrimonio común inmaterial.
Entre os asistentes, estaban os grupos de graduados de diversas especialidades de Ciencias e Tecnoloxías, Formación profesional, FOL, Servizos á Comunidade, Linguas estranxeiras, Linguas oficiais, etc. O interese dos graduados da Universidade de Vigo que cursan o Master de formación do profesorado por Ponte…nas ondas! está na súa aplicación didáctica nas aulas como unha metodoloxía transversal ás diversas áreas do currículo formativo do alumnado.
Jessi Iglesias, relatou a súa experiencia en Radio Turonio, a radio do instituto, desde 1º da ESO no que comezou a facer programas. Tamén contou como participou nese curso na retransmisión do acto de entrega de premios Lois Peña Novo desde o Castelo de Soutomaior. Desde entón Jessi ten entrevistado a xornalistas como Xaime Escudeiro da Radio Galega e realizado programas e podcasts.
Carlos Enrique Pérez foi o encargado de explicar a inauguración do portal Web www.escolasnasondas.com que el mesmo presentou xunto ao entón Reitor, Salustiano Mato, na radio do instituto. Carlos non descarta dedicarse á comunicación e dixo que xa superou a súa fase de Youtuber e que agora está centrado na música.
Araitz Aldamizetxebarría, xunto con Jessi González, foron as encargadas de realizar unha lectura poética do texto “Libre o meu pensamento” de Ana Romaní con motivo do Día de Rosalía de Castro. Araitz detallou a realización de podcats para a materia de Lingua Galega ou para a radio empregando programas como Audacity ou Ivoox.
Claudia Comesaña, que xa participara no curso pasado nunha xornada do Master, explicou como funciona a radio no centro e como participaron no Día Mundial da Radio xunto coa Escola Secundaria de Valença do Minho realizando un programa conxunto desde a Radio Municipal de Tui.
Santiago Veloso, profesor e coordenador de Ponte…nas ondas! destacou a fórmula integradora e novidosa no ámbito da alfabetización multimedia que desde hai máis de dúas décadas se desenvolve nos centros educativos. Desde as primeiras actividades de radio escolar nos anos 90 até a actualidade dos podcasts e os vídeos por Whatsapp, diversas foron as experiencias realizadas nos centros educativos. O empoderamento do alumnado diante dos micrófonos contribúe a desenvolver as competencias básicas e a mellorar a súa formación integral.
A exposición do proxecto de Ponte…nas ondas! contemplou diversas proxeccións onde se mostrou o traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués ao longo destes 25 anos. Esta abordaxe do patrimonio común a través da radio e das novas tecnoloxías espertou o interese dos graduados que se interesaron por actividades como os encontros de xogos tradicionais, os tesouros humanos vivos ou as recollas de patrimonio inmaterial realizadas desde as escolas.