Ponte... nas Ondas!

27 de marzo, Ponte…nas Ondas! presenta unha grande Xornada de Radio e Patrimonio


Na facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, a organización da xornada xunto coa Vicerreitora de Ciencias da Comunicación, Alba Silva e o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, presentaron as actividades que Ponte… nas Ondas! prevé para este 25 aniversario, tendo en Santiago de Compostela un dos seus centros neurálxicos.

Ponte…nas ondas! agradece a participación das escolas e institutos de Galicia e do Norte de Portugal e a colaboración das emisoras de radio públicas e locais na xornada de radio a celebrar o vindeiro 27 de marzo. Nela están xa inscritos máis de 55 centros educativos e tamén grupos das Universidades de Santiago, Vigo e Trás-Os-Montes, que participarán nos programas desde os 22 lugares de emisión repartidos por toda a Eurorrexión, ademais dos programas que serán realizados nos propios centros educativos.

Desde a Universidade de Vigo farase a coordinación e a emisión en streaming de audio e vídeo realizado por Uvigo TV, a televisión da Universidade de Vigo, a través do portal Escolas nas ondas ( www.escolasnasondas.com ). No auditorio do edificio Miralles desenvolverase unha programación elaborada en directo por centros educativos de Vigo e comarca entre as 10.00 e as 14.00 horas con convidados e actuacións musicais como a de Magín Blanco e Mª José Pérez, entre outros.

Na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverase unha programación especial entre as 10.00 e as 14.00 horas na que participarán alumnado da Facultade e de centros educativos de Santiago.

No programa terá especial relevancia o papel da muller no contexto cultural galego-portugués. Para falar de machismo no mundo tradicional participarán as gaiteiras Saudade de Ribadeo, o primeiro grupo de mulleres gaiteiras de Galicia e do resto do mundo, que comezaron a tocar a gaita nun contexto no que só homes podían facelo. Tamén Susana Seivane e Tanxugueiras aportarán a súa mirada, presentarán os seus novos proxectos e porán banda sonora ao evento.

Música e historia estarán presentes nesta xornada de Santiago a través do proxecto de innovación social interxeracional Vulnerables de Xaime Fandiño que, con Deteriorados, farán das cancións un vehículo perfecto co que contar historias. Outro tipo de historias serán das que fale Leo i Arremecághona que dará unha clase maxistral de regueifa e repentismo galego.

Pero sen dúbida, un dos contidos estrela da xornada será unha mesa redonda sobre lingua e sobre o patrimonio cultural galego-portugués que se constrúe sobre esa lingua. Nela participarán Valentín García da Xunta de Galicia, Carlos Quiroga da AGAL, Manuel Vilar do Museo do Pobo Galego, entre outros.

Ademais faranse programas en directo desde distintas emisoras galegas e portuguesas, como Radio Universitaria do Miño (RUM) desde Braga, Radio Piratona, Radio Redondela, Radio Allariz, Rádio Montalegre, Radio Afifense, Radio Caminha, Radio Tui, Onda Cero Monforte, Cadena SER Carballiño, Radio Fene, Radio Ames, CUAC FM, Radio Vale do Minho e Radio Cultural de Cerveira.

Por último, distintos centros educativos uniranse á celebración con programas especiais desde as súas radios escolares. Tamén se realizarán emisións dende Ponteareas que acollerá no auditorio municipal Reveriano Soutullo unha programación en directo realizada polos centros educativos, algo que tamén se fará dende o auditorio municipal de Chaves e que será retransmitido por Radio Chaves ou desde o Instituto Audiovisual de Vigo.

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

Varios artistas, como Magín Blanco, Uxía, Dulce Pontes, Vozes da Rádio e Voces del más acá estrearán temas compostos para esta conmemoración do 25 aniversario de Ponte…nas ondas!

CONEXIÓNS

Están previstas distintas conexións con emisoras de radio comerciais de todo o Estado e de Portugal.

DOCUMENTAL

Durante toda a xornada do 27 de marzo, un equipo de profesionais desprazarase aos distintos estudios de radio e lugares de realización para gravar as emisións e as colaboracións musicais coa finalidade de elaborar un documental que mostrará toda a actividade desenvolvida.

APOIOS E COLABORACIÓNS

Ademais da rede de emisoras de radio e o grupo Radiofusión, colaboran co 25 aniversario, os Ministerios de Educación de Portugal e España, a Xunta de Galicia, o Xacobeo, a Deputación de Pontevedra, as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela e diversos concellos e eurocidades.

25 ANOS DE BOAS PRÁCTICAS

Ponte…nas ondas ! vén desenvolvendo ao longo deste período actividades de dinamización e transmisión do patrimonio inmaterial galego-portugués ás novas xeracións de Galicia e de Portugal. Entre outros recoñecementos obtivo o selo de “Buena práctica Iberoamericana” polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte de España ou o Premio Ondas á “mellor cobertura informativa” do patrimonio inmaterial galego-portugués. En 2016 foi acreditada pola UNESCO como ONG consultora para o patrimonio inmaterial.

VÍDEO DA CONFERENCIA DE PRENSA DO 12 DE MARZO DE 2020 NA FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN DA USC

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas