• A candidatura de Galicia e Portugal consegue o informe de inscrición favorable, paso anterior á decisión final do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial que se celebrará en Rabat a finais de novembro.
• O comité avaliador felicita os Estados parte por un expediente “ben preparado que pon de relevo a participación das comunidades na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial compartido”.
• Os examinadores destacan que o proxecto de Ponte…nas Ondas! pode servir de modelo internacional aplicable noutras áreas xeográficas.
“O enfoque do proxecto fomenta o diálogo e o intercambio entre as comunidades e favorece a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, mencionan os examinadores da UNESCO que avaliaron a candidatura de Ponte…nas Ondas! ao Rexistro de boas prácticas da institución. Poñen de manifesto ademais o éxito de PNO! á hora de implicar a mocidade na práctica e transmisión das súas propias tradicións grazas á difusión do patrimonio cultural nas escolas, na formación do profesorado e na vontade de conseguir a presenza dos portadores e practicantes nas aulas “para compartiren os seus coñecementos e experiencias”.
No documento publicado esta semana e que supón o último trámite previo para poder entrar no Rexistro, os expertos destacan a metodoloxía participativa da iniciativa e subliñan que “como experiencia transfronteiriza, o modelo PNO! pode reproducirse para reforzar o diálogo entre xeracións e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través das fronteiras”.
O éxito no uso das TIC para a posta en valor do patrimonio
Os avaliadores salientan a diversidade de accións, actividades e esforzos realizados por PNO! ao longo da súa traxectoria e o elevado número de persoas involucradas, desde alumnado e docentes ata as propias familias e os colectivos, expertos e portadores da cultura inmaterial que teñen participado nos eventos promovidos pola asociación sociopedagóxica e cultural. Sinalan tamén a importancia do uso das tecnoloxías da información e a comunicación e especialmente dos recursos radiofónicos para “transmitir, promover e valorizar” o patrimonio cultural inmaterial compartido.
Este informe favorable era un chanzo imprescindible para que na xuntanza do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrará en Rabat a finais de novembro de 2022, poida confirmarse que o modelo PNO! sexa inscrito no Rexistro das boas prácticas da UNESCO. No documento sublíñase a capacidade do proxecto para sensibilizar sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial e apúntase que “implica esforzos educativos que promoven o desenvolvemento social inclusivo, o entendemento intercultural e a igualdade de xénero”, reflectindo os principios e obxectivos establecidos ao respecto pola propia UNESCO.
MATERIAL RELACIONADO
• Expediente completo no sitio web da UNESCO
https://ich.unesco.org/en/7c-register-01283?select_country=00179#table_cand
• Nota de prensa difundida pola Xunta de Galicia
https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/74151/ponte-nas-ondas-supera-ultimo-tramite-previo-para-poder-entrar-rexistro-boas?fbclid=IwAR3e9pogXsfH8WULHsTTAesmBsIMpUOTlqM2f8f7vmg3v4ksA3y_vcoO4kk