• O embaixador de España na UNESCO, José Manuel Rodríguez Uribes, escolleu celebrar o 76º aniversario da UNESCO apoiando a PNO! este 16 de novembro, nunha xornada na que visitou o CEIP 6 do Nadal en Vigo, un centro educativo do modelo Ponte…nas ondas! e participou na festa do Patrimonio no Centro Cultural de Valadares
• Aulas dos concellos de Barcelos e Póvoa de Varzim, en Portugal, e de Teo, Salceda de Caselas, Gondomar, Santiago de Compostela, Mondoñedo e Salvaterra de Miño, en Galicia, resultaron gañadoras do concurso “Imaxes do Patrimonio”, que entregou os seus premios nun evento didáctico en Valadares (Vigo) o Día Mundial do Patrimonio.
• Escolas de toda Galicia e do Norte de Portugal participaron na recollida de imaxes significativas do patrimonio inmaterial
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués
“É un proxecto perfecto, redondo, en todo o que ten que ver coa filosofía da UNESCO”, subliñou José Manuel Rodríguez Uribes, embaixador de España na UNESCO, que estivo en Vigo coincidindo co Día Mundial do Patrimonio este mércores 16 de novembro, para reunirse con Ponte…nas ondas! e apoiar a súa inscrición como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial. Ademais, durante esta xornada o embaixador visitou o CEIP 6 do Nadal en Vigo, un centro educativo do modelo Ponte…nas ondas! Recordou Rodríguez Uribes que neste mesmo 16 de novembro celebramos o 76 aniversario da creación da UNESCO, efeméride que quixo celebrar apoiando a asociación socio-pedagóxica a poucos días de que se confirme a súa inclusión no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO.
No mesmo evento tamén participaron os directores xerais de Cultura e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e Mª Carmen Martínez, que asistiron no Centro Cultural de Valadares á entrega de premios da V edición do certame As imaxes do Patrimonio, onde trasladaron o apoio da Xunta de Galicia a candidatura de Ponte… nas Ondas! Os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amosaron o seu optimismo ante a decisión que se tomará no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro despois de que a proposta conxunta de Galicia e Portugal superase hai uns días o último informe necesario previo a súa inscrición. “Para coidar e manter vivo o noso patrimonio é clave que as xeracións máis novas comprendan a importancia de coidalo e iniciativas como esta resultan fundamentais para a súa concienciación”, salientaron.
“Agardamos que a resposta sexa positiva porque sería a primeira distinción nesta materia para Galicia e suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía e a sensibilización co patrimonio inmaterial”, afirmaron.
Festa do Patrimonio con protagonismo de aulas galegas e portuguesas
O Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acolleu este mércores 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio, o acto de entrega de premios do 5º Certame “As imaxes do patrimonio” Inmaterial Galego-Portugués.
Foi nun evento conducido por alumnado das propias escolas participantes, que estivo aos micrófonos da emisora anfitrioa, Radio Piratona, que emite desde hai máis de trinta anos en colaboración coa Comunidade de Montes de Valadares e o Centro Veciñal e Cultural de Valadares. Durante o acto, o alumnado premiado fixo lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/v-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/).
Estampas da memoria
Un emigrante canda a súa radio en Arxentina, mulleres no lavadoiro da Praza de Abastos de Ourense, o barco que levou un emigrante portugués a Brasil, o rancho de reis no Val de Caselas, un balneario da Póvoa de Varzim a comezos de século, unha familia emigrada en Francia a pé da Torre Eiffel… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no V Certame de Fotografía “As imaxes do patrimonio” convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!
O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse oito imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de arredor de medio milleiro de imaxes recibidas a concurso.
Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta cuarta edición do certame.
Premio de podcasts
Por segundo ano consecutivo, o certame incluíu tamén a convocatoria dun apartado para a creación de podcasts sobre as imaxes. Unha forma de participar na que o alumnado tiña a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza, etc. sobre as instantáneas e o seu contexto.
Neste apartado, na categoría de ensino primario o primeiro premio foi para un podcast conxunto que abrangue oito fotos sobre diversos elementos do patrimonio, e que foi elaborado por alumnado do CEIP da Ramallosa (Teo). Por outra banda, na categoría de ensino secundario obrigatorio, o premio foi para Cristina Louredo Pérez, do IES Alexandre Bóveda (Vigo), polo podcast que nos explica unha imaxe pertencente á súa familia, foto sobre a semente do millo á que lle calculan máis dun século de historia. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao podcast dunha alumna do IES San Rosendo de Mondoñedo.
Premio Especial do Xurado
O xurado acordou por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder unha mención especial ao CEP Carlos Casares de Alxén, de Salvaterra de Miño, polo excelente traballo de Recolla do Patrimonio titulado ”Proxecto Patrimonio no CEP Carlos Casares” no que usando 58 fotografías de diversos ámbitos do Patrimonio mergullan o alumnado na investigación e coñecemento de importantes aspectos do Patrimonio Cultural.
Poñendo en valor o patrimonio inmaterial
Hai que lembrar que era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común.
Con esa finalidade, propúxoselles a través deste certame que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
GRAVACIÓN DO EVENTO