Ponte... nas Ondas!

Día Mundial da Radio 2023: Unha xornada radiofónica por todo o territorio

Ponte…nas ondas! presentou unha xornada de comunicación para o próximo día 13 de febreiro, Día Mundial da Radio, que terá a radio como protagonista, en todas as súas modalidades.

Máis de 40 centros educativos realizarán os seus programas desde diversas emisoras de radio, preto de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebrando xuntos o Día Mundial da Radio.

O luns 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e norte de Portugal, realizaranse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga serán os centros emisores a onde asistirán moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o farán outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Allariz, Radio Fene, Radio Burela, Radio As Nogais. Desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén farán programas de radio en directo.

Desde o portal ESCOLAS NAS ONDAS realizarase as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) das emisións de Vigo, Compostela e demais radios.

Tamén serán emitidos os preto de 100 podcasts que xa foron recibidos e que aínda están chegando procedentes de todas as escolas.

Na rolda de prensa celebrada hoxe en Vigo, no edificio Redeiras da Universidade de Vigo, participou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, xunto cos representantes de Ponte… nas ondas! Santiago Veloso e Xerardo Feijoo e a artista Uxía.

Púxose de relevo a importancia de sumarse a esta efeméride para difundir así o modelo de Ponte… nas ondas!, recoñecido pola Unesco como “modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial”, e que leva xa 27 anos promovendo o emprego da radio nas escolas como unha potente ferramenta pedagóxica que axuda ao alumnado a desenvolver a súa competencia oral e comunicativa, ademais de ir construíndo unha potente rede de persoas, escolas, universidades e institucións que buscan o recoñecemento do patrimonio inmaterial galego-portugués no mundo.

UNHA XORNADA DE RADIO ACTIVIDADE

A vicerreitora desculpou a ausencia da Decana da Facultade de Comunicación da universidade de Santiago de Compostela, tamén participante na xornada do día 13 e manifestou que desde a Universidade de Vigo levan xa 15 anos colaborando con Ponte… nas ondas!

Destacou que é unha grande oportunidade para a UVIGO “un día de radio que traerá ata o campus a ducias de escolares que terán así a oportunidade de coñecer por primeira vez este lugar”. O portavoz da Xunta, Anxo Lorenzo, engadiu o orgullo que supón para Galicia “este fermosísimo proxecto entre Galicia e Portugal que foi quen de conseguir o rexistro de boas prácticas da UNESCO”.

Santiago Veloso, agradeceu o apoio técnico de UvigoTv e do equipo da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Destacou que o labor de Ponte…nas ondas! integrando o patrimonio inmaterial no sistema educativo a através da radio foi recoñecido pola UNESCO como un modelo de boas prácticas para todo o mundo.

Xerardo Feijoo destacou que se van combinar as emisións en directo desde as radios dos centros educativos coa emisión en streaming a través do portal Escolas nas Ondas das emisións de Vigo, Compostela e demais radios, así como dos podcasts enviados polas escolas galegas e portuguesas elaborados polo alumnado especificamente para o Día Mundial da Radio sobre a temática proposta pola UNESCO “Radio e paz”. O patrimonio cultural inmaterial contribúe ao diálogo e o respecto entre as persoas. Nese sentido comentou que xa se recibiron máis de 70 podcasts e que serán máis do dobre os que se reciban antes do día 13.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas