• Aulas dos concellos de Ourense, Curtis, Teo, Tui, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas, Ames, Barbadás, Vigo, Noia, Ponteceso, Salvaterra de Miño e Bergondo, en Galicia, ou de Paredes e Guimarães, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminou co outorgamento dos premios este 17 de novembro, logo da celebración na véspera do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
Traballadores nun forno de fundición nos anos trinta, un gaiteiro na guerra, polbeiras do Carballiño mazando polbos no ano 1940, a foto de dous irmáns no ano 1939 ao decatárense de que loitaban en bandos distintos sen sabelo…
Velaí algunhas das magníficas estampas e as grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VI Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!
O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.
Os premios entregáronse na xornada do venres 17 de novembro en Ourense, un día despois da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, e no marco do Congreso Internacional “Patrimonio Cultural Inmaterial e Educación. Ponte entre escola e sociedade”.
Acceso ás imaxes premiadas: http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras
Galería do evento de entrega dos premios
Vídeo do evento
[[Proximamente publicaremos un vídeo da entrega de premios]]