Ponte... nas Ondas!

A orixe

O nome da Asociación Ponte… nas Ondas! deriva da actividade da que xurdiu: un día de radio que uniu escolas veciñas de ambas as dúas marxes do río Miño co gallo de celebrar dende as escolas o feito histórico que supuxo para a bisbarra a inauguración dunha ponte física entre as localidades de Salvaterra de Miño (España) e Monção (Portugal). Nese momento, un grupo de 16 escolas decidiron establecer unha ponte de comunicación a través das ondas de radio. Aquel ano usáronse os estudos de Ecos da Raia de Monção (Portugal) e outro provisional situado na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño (España). Os protagonistas da experiencia viviron con moita emoción aquela primeira xornada experimental de radio transfronteiriza e o éxito obtido asegurou a súa continuidade.

Esa ponte que traspasaba unha fronteira do mapa, converteuse nunha ponte de comunicación, unha ponte nas ondas.

Dese xeito, a iniciativa educativa Ponte… nas Ondas! comezaba cunha xornada que se iniciou coa emisión de 12 horas de programación radiofónica realizadas integramente por alumnas e alumnos galegos e portugueses.

Xa desde o ano 2003 chegou ás 24 horas de emisión con programas producidos por máis de 50 centros educativos. Estudantes de primaria, secundaria e ( desde a IX edición ) da Universidade, emiten programas de radio en directo. Nas últimas edicións alcanzaron a emisión a través de televisión e Internet, ademais de presentar formatos moi diversos: concursos, variedades, música, entrevistas, conexións en directo entre diferentes estudos, etc.

Aínda que o galego e o portugués son as linguas comúns da emisión, coa participación de centros de Arxentina, Cuba, Chile e Colombia, o castelán tamén se incorporou á experiencia. Durante a xornada de comunicación os nenos e nenas de todos os países participantes seguen a programación e participan activamente nela. As actividades involucran agora a centros educativos de todos os niveis, desde o ensino básico até as universidades.

No seu momento, o éxito da iniciativa levou á constitución da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, que acumula xa máis de vinte anos traballando na divulgación do Patrimonio Inmaterial galego-portugués. Ao longo dos anos e froito do éxito da iniciativa, incorporáronse ás actividades promovidas pola asociación centros educativos doutros países.