Ponte... nas Ondas!

A UNESCO escolle o modelo PNO! como un dos seus referentes mundiais de boas prácticas co patrimonio inmaterial

Catorce experiencias de referencia co patrimonio inmaterial inauguran o proxecto piloto da Plataforma da UNESCO que se presenta esta semana en Nova Delhi (India), coincidindo coa vixésima sesión do Comité Intergobernamental. E entre elas, unha galego-portuguesa, o modelo Ponte… nas Ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).

Modelo e inspiración a nivel internacional

A UNESCO decidiu incluír a PNO! na versión de lanzamento desta Plataforma destinada a compartir boas experiencias en materia de protección patrimonial, un espazo que quere ser modelo para outros países e que subliña enfoques e medidas implementados con especial éxito en todo o mundo para tratar necesidades específicas de salvagarda no eido do patrimonio inmaterial.

PNO! convértese así nunha das experiencias de referencia escollidas con ese fin, sendo ademais, xunto con unha belga e outra croata, unha das tres únicas experiencias europeas elixidas para iniciar este proxecto.

A futura plataforma, que se presenta na India esta semana e cuxo lanzamento se adía a 2026, será segundo explica a UNESCO unha iniciativa para que comunidades interesadas na salvagarda do PCI colaboren, fortalezan as súas capacidades e compartan experiencia en materia de protección, servindo de ferramenta e fonte de inspiración para quen procure asesoramento en materia de protección patrimonial.

Nesta plataforma, a UNESCO valora a tripla e innovadora estratexia de PNO!, que suma educación, comunicación e patrimonio, e destaca especialmente que o modelo PNO!, alén de fortalecer os lazos culturais a través da fronteira, fomentou o diálogo interxeracional e espertou maior interese e conciencia entre a mocidade involucrada sobre o seu patrimonio cultural compartido. Destaca a UNESCO que as metodoloxías participativas despregadas por PNO! son “un marco poderoso para fomentar o diálogo internacional e ao mesmo tempo garantir a transmisión interxeracional de tradicións culturais compartidas”.

Recoñecemento a trinta anos de traballo co patrimonio

Desde PNO! recíbese a elección da asociación como unha das catorce experiencias de relevancia para o lanzamento desta iniciativa como un importante recoñecemento ao traballo realizado polo colectivo durante xa tres décadas.

“Para PNO! é o maior premio aos 30 anos de traxectoria que recoñece o traballo do alumnado, do profesorado, das familias e das comunidades portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués por manter en pé unha experiencia que innovou o soubo crear un modelo único no mundo e tanto Portugal como España deben apoiar o seu desenvolvemento”, subliña Santiago Veloso, presidente da Asociación.

A asociación socio-pedagóxica recorda que ducias de centros adoptaron xa o “ modelo PNO! de boas prácticas co PCI”, como referencia para o traballo en educación patrimonial, convertendo a Galicia no que “probablemente é o único lugar do mundo cunha rede escolar que traballa de xeito sistemático co patrimonio inmaterial seguindo un modelo concreto”.

ONG consultora da UNESCO desde hai case dez anos

Este sábado 13 de decembro a UNESCO renovará ademais a acreditación de PNO! como ONG consultora, a única en Galicia con esta distinción. Hai que lembrar que, desde 2016, Ponte…nas ondas! exerce funcións consultivas para o Comité Intergobernamental da UNESCO, referidas a expedientes presentados para inscribir elementos na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial.

Esta acreditación estabelece que PNO! poida ser consultada en programas, proxectos e actividades relacionados co artigo 18 da Convención e no impacto dos plans de salvagarda dos elementos inscritos na Lista de Salvagarda urxente.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here


Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas