Alumnado de Ponte… nas Ondas emitiu en directo a entrega dos premios Lois Peña Novo

0

Por vez primeira, e nesta XXIII edición, o evento retransmitiuse en tempo real a través de internet.

O Castelo de Soutomaior foi escenario o xoves 29 de xuño ás 19:30 horas do acto público onde se fixo entrega dos premios Lois Peña Novo na súa XXIII edición. Un acto público que contou coa presenza de diversos sectores da sociedade galega, que arrouparon os premiados: a maxistrada Sandra Piñeiro, o neurofisiólogo Xurxo Mariño e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, galardoados nesta ocasión co recoñecemento do xurado da Fundación Lois Peña Novo polo seu labor en prol da normalización da lingua galega.

E precisamente, de forma pioneira, a asociación Ponte… nas Ondas! promoveu nesta ocasión a retransmisión en directo dos premios a través da rede. Un grupo de alumnado vencellado ao colectivo foi o encargado de realizar esta emisión. O directo puido seguirse a través da propia web de Ponte…nas Ondas! (www.pontenasondas.org) e do portal Escolas nas Ondas (www.escolasnasondas.org).

Xustamente, o espazo Escolas nas Ondas, promovido pola asociación para ser punto de encontro do audiovisual nas escolas de Galicia, Portugal e os países da área galego-portuguesa, xa acollera o pasado mes de febreiro, e coincidindo co Día Mundial da Radio, a emisión dunha intensa xornada de radio en directo: ata oito horas consecutivas de radio realizadas desde o IES Terra de Turonio, en Gondomar. O web acolleu ademais, as pezas radiofónicas elaboradas por ducias de escolas coincidindo coa mesma efeméride. Hai que lembrar que Ponte…nas Ondas! vén traballando con forza na promoción da radio na escola, labor que durante o último curso incluíu a realización de ata 35 obradoiros de radio nos que participaron arredor dun milleiro de nenas e nenos.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here