• Valença do Minho e Lisboa, en Portugal, e Allariz, Lisboa, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo en Galicia, foron os nove puntos de emisión en directo o mércores 26 de marzo de 2025.
• Preto de 70 centros educativos participaron directamente na programación, que incluíu múltiples convidados/as e conexións con radios profesionais.
• A RTP e a RNE únense á festa de aniversario na programación especial desde Valença.
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) celebrou o seu 30 aniversario desde diferentes puntos de Galicia e norte de Portugal. A asociación, que é ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO, reuniu a case 70 centros educativos galegos e portugueses nesta gran festa, que tivo nove puntos de emisión en directo e na que participou alumnado de todas as etapas formativas: infantil, primaria, secundaria, bacharelato e universitaria.
Valença do Minho (Alfândega) e Lisboa (Instituto Ginés de los Ríos), en Portugal, e en Galicia: Allariz (Radio Allariz), a Costa da Morte (Vimianzo, Auditorio Municipal), Lugo (Auditorio Fuxan os Ventos), Ourense (Auditorio Marie Curie da Facultade de Educación), Pontevedra (Pazo da Cultura), Santiago de Compostela (Facultade de Ciencias da Comunicación), Vigo (Auditorio do Ed. Miralles). Son os nove puntos desde o que se emitiu unha programación especial de catro horas en directo. Unha retransmisión “radiovisual” que puido seguirse o mércores 26 de marzo en directo desde a web (www.pontenasondas.org) e o portal Escolas nas ondas (www.escolasnasondas.com).