Ponte... nas Ondas!

Importantes voces da radio, a música e a literatura participarán o venres no XX aniversario de Ponte… nas Ondas!

Grandes nomes da radio como Francino, Julia Otero, José Miguel López, Ana Romaní, Xurxo Souto ou Xosé María Palmeiro serán os protagonistas da sección AMIGOS NAS ONDAS. Tamén contaremos coas estreas musicais dos galegos 2NaFronteira e a caboverdiana Gabriela Mendes que presentarán temas compostos especialmente para este vinte aniversario. Tamén estarán presentes as voces de importantes escritores da lusofonía e os saúdos musicais de moitas bandas galegas. Será unha xornada de 24 horas de radio e televisión, na que van participar 54 centros educativos e 14 estudios de radio de Galiza e Portugal.

Os vinte anos de Ponte… Nas Ondas! van ser celebrados na compaña de moit@s amig@s que queren estar presentes coas súas voces, músicas e creacións literarias nunha xornada de comunicación multimedia a través de radio e televisión, que se prolongará durante 24 horas e na que as verdadeiras estrelas serán os rapaces e rapazas dos 24 centros educativos de Galicia e norte de Portugal, que participan no encontro.

Como referencias, desde o mundo radio contaremos con intervencións de Carles Francino, Julia Otero, José Miguel López, Xurxo Souto, Ana Romaní e Xosé María Palmeiro, que se sumarán a unha festa chea de literatura e música. Estrearemos temas compostos por 2NaFronteira e a caboverdiana Gabriela Mendes, con motivo deste vinte aniversario; e contaremos tamén con saúdos musicais de bandas da escena galega máis actual como Caxade, Camarada Nimoy, SraSrSra, Cró, Talisien, Trampoline ou Pito de Pikaso.

Tamén o mundo da literatura terá unha grande presenza con mensaxes e lecturas na voz de escritores da lusofonía. Desde Timor, estará presenteLuis Cardoso; desde Angola, Ana Paula Tavares e Artur Pestana “Pepetela”; desde Guiné-Bissau, Odete Semedo; desde Mozambique, Cremildo Bahule; desde Sao Tomé e Príncipe, Inocência Mata; desde Brasil, Luiz Rufato e Otto Winck; desde Portugal, Manuel Jorge Marmelo e Pedro Miguel Rocha; desde Cabo Verde, Germano Almeida; e desde Galiza, Suso de Toro, Agustín Fernández Paz, Rexina Vega, Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Carlos Quiroga, Ana Romaní e Antonio Reigosa.

Premios Boas Ondas

‘Ponte… nas Ondas!’ comezou a súa andaina en 1994, co fin de servir como ponte de comunicación entre Galicia e Portugal ás beiras do miño. A través fundamentalmente de iniciativas interescolares de radio e a través da internet, tanto a ambos os lados da fronteira como con outros países de Latinoamérica. Desde o ano 2002, o alumnado participante ampliouse coa incorporación de grupos universitarios que fixo que a experiencia completase o abano educativo que vai desde o ensino infantil a grupos das universidades galegas e portuguesas. Nas últimas edicións, a partir do 2007 e en colaboración con UVIGO-TV da Universidade de Vigo, realizáronse emisións de televisión por Internet coa produción dos centros educativos participantes.

Co gallo da vixésima edición do proxecto este ano premiarase por primeira vez o esforzo realizado por alumnos e docentes na preparación dos programas a través da creación dos premios Boas Ondas en 6 categorías, para o mellor programa radiofónico gravado, en directo, en colaboración cunha emisora profesional, en vídeo, sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ou realizado fóra da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

A XX Xornada Multimedia de Comunicación centrarase, un ano máis, na radio en directo desde diferentes emisoras de Galicia e do Norte de Portugal, unha programación que poderá seguirse en directo na súa totalidade a través de Internet desde a web www.pontenasondas.org, desde as 10.00 hs. da mañá do día 30 durante 24 hs., e que estará coordinada por UVIGO-TV. A Radio Galega realizará un seguimento especial durante a xornada e realizará desde o auditorio Miralles da Universidade de Vigo un programa especial durante a tarde.

Unha canle propia

Desde Ponte…nas ondas! reivindicarase ao longo da xornada a petición dunha canle propia de radio para as radios escolares segundo o expresado no Manifesto das Radios Escolares feito público no pasado 13 de febreiro coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas