Ponte... nas Ondas!

O patrimonio inmaterial galego-portugués agarda o recoñecemento da UNESCO dez anos despois

Ponte… nas Ondas! continúa co seu compromiso de difusión e transmisión deste patrimonio celebrando unha GALA DO PATRIMONIO o vindeiro 25 de novembro, data da presenza deste patrimonio na sede da UNESCO hai dez anos e que tamén coincide co día no que recolleron o Premio Ondas pola “mellor cobertura informativa” deste patrimonio, o ano pasado.

Este mediodía, no Salón de Plenos do Concello de Tui presentáronse en rolda de prensa os actos conmemorativos dos dez anos da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO. Participaron no acto, Jorge Mendes, presidente da Cámara de Valença do Minho; Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui; Mª José González, concelleira de Cultura do Concello de Tui; Octavio Rodríguez, da TVG e Santi Veloso e Esmeralda Carbalho, voceiros de Ponte…Nas Ondas. Santi Veloso, agradeceu aos representantes institucionais a súa colaboración e o seu apoio; explicou que o Concello de Tui e a Câmara de Valença apoiaron no seu momento a Candidatura presentada por Ponte…Nas Ondas! e dez anos despois, este patrimonio común que agarda o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, vai mostrar na Eurocidade Tui-Valença a súa riqueza e a súa diversidade.

Esmeralda Carbalho dixo que a GALA DO PATRIMONIO é “unha homenaxe ás persoas e ás comunidades portadoras“ e nese sentido realizou un convite a todas as asociacións das dúas beiras a asistir. Grupos de treboadas e de zés pereiras percorrerán as rúas da Eurocidade no día 25 anunciando os actos. A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi a primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea e os representantes de Ponte…nas ondas! reafirmaron o compromiso da asociación en continuar co labor de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

O vindeiro 25 de novembro os actos comezarán coa MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA que baixo a denominación ‘Temos Patrimonio!’ convocará no Teatro Municipal de Tui a partires das 11:30 a alumnado de centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles ás novas xeracións as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira que se mantén viva na actualidade a través da música, o teatro, a narración oral… Na Mostra participarán o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón, o grupo de música infantil, A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Os tres irmãos e outras historias de amor. A Mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e do proxecto CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago. En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a GALA DO PATRIMONIO, que dá cabida a persoas e grupos que se consideran ‘portadoras’ do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. O cartel está composto por Malvela, un grupo de mulleres raianas que interpretan cancións tradicionais, o quinteto de Porto Vozes da Rádio, as Cantadeiras do Neiva de Viana do Castelo, o actor e director teatral Quico Cadaval, a cantautora galega Uxía, o músico portugués Augusto Canario, e o escritor e músico galego Xurxo Souto. Santi Veloso explicou que a gala “pretende ser un acto de lembranza pero tamén unha mostra da vitalidade da nosa cultura galaico-portuguesa.

O patrimonio inmaterial galego-portugués foi transmitido de xeración en xeración e chegou até o século XXI con formas vivas e renovadas. Na homenaxe ás persoas e comunidades portadoras, lembrarase a dúas persoas que xa non se atopan entre nós: a Señora Carme de Malvela (Galiza), que participou en diferentes actos da Candidatura (Círculo Bellas Artes de Madrid, Museo do Pobo Galego) e Nelson Vilarinho (Portugal) que foi un dos tocadores de concertina máis recoñecidos no norte de Portugal; ambos participaron na XV edición de Ponte…Nas Ondas! 2009 coa temática dos Tesouros Vivos. Esmeralda Carbalho apuntou que “dez anos despois, desde Ponte…Nas Ondas! queremos convocar á cidadanía a defender este patrimonio común e a reivindicar que os tempos son chegados para que as administración realicen o proceso de inscrición deste patrimonio na Lista Representativa da UNESCO”. O voceiro de Ponte…Nas Ondas! lembrou que quen queira apoiar a candidatura pode facelo asinando en: www.opatrimonio.org.

Tamén animou a visitar a exposición “ DO SAUDOSISMO AO ATLANTISMO”, unha mostra que percorre as relacións entre os escritores galegos e portugueses do século XX e que será inaugurada tamén o vindeiro 25 de novembro. Por último, Santi Veloso lembrou o proxecto CULTURAQUEUNE, unha plataforma, integrada por asociacións e fundacións dun e doutro lado, creada para fomentar o intercambio cultural entre o Norte de Portugal e Galiza, que foi presentada en decembro de 2104 no Culturgal, realizando as primeiras actividades en Amarante e A Coruña e que será presentada en Tui o día 20 cunha conferencia do historiador Luis Martínez Risco. O presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Mendes, agradeceu a constancia e o esforzo de Ponte…nas ondas! e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, mostrou o apoio da Eurocidade a esta iniciativa e mostrouse disposto a colaborar con Ponte…nas ondas! O deputado de cultura da Deputación de Pontevedra ( non puido estar no acto ) mostrou tamén o apoio da Deputación aos actos. Octavio Rodríguez, representante da TVG confirmou que a Televisión Galega e a RTP ( Radio Televisión Portuguesa ) emitirán a Gala para contribuír a divulgar e a transmitir este patrimonio por toda a Eurorrexión.

‘Ponte…Nas Ondas’ naceu como unha experiencia educativa no ano 1995, grazas á cooperación entre escolas situadas nas dúas beiras do Miño. Comezou como unha xornada radiofónica de 12 horas de emisión que, co tempo, pasou a ter 24 horas de programación na que estudantes de centros educativos de primaria, secundaria e da universidade emiten programas de radio elaborados por eles mesmos en directo e atendendo a todo tipo de formatos, desde concursos e música ata entrevistas e conexións entre diferentes estudos. Esta iniciativa conta con numerosos recoñecementos entre os que se contan o Premio Galicia de Comunicación ao ‘mellor labor en medios informativos’, concedido pola Xunta de Galicia; o premio ‘Bos e Xenerosos’ concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; e o recoñecemento da European Bureau for Lesser USed Languages (EBLUL) como “experiencia que contribúe á promoción dunha lingua minorizada, axuda á recuperación da cultura e das tradicións e favorece a cooperación transfronteiriza” ; e o Premio ONDAS “á mellor cobertura informativa”, que a asociación recollía en Barcelona precisamente o 25 de novembro do ano pasado.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas