Entre as nove da mañán e as dúas da tarde o alumnado do IES de Breamo de Pontedeume e o Agrupamento de Escolas Sidónio Pais de Caminha realizaron cinco horas de radio en directo retransmitidas a través do portal ESCOLAS NAS ONDAS ( www.escolasnasondas.com ) con imaxe en directo desde o auditorio do instituto eumés e desde a Rádio Afifense.
Aínda que o Día Mundial da Radio tivo como temática o mundo do deporte e a radio, outros contidos específicos foron abordados polo alumnado de ambos centros. No caso do IES Pontedeume foron os alumnos da ESO e de Bacharelato e no de Caminha os do Jardim de Infancia, Primaria e Secundária da Escola Básica e Secundária de Vila Praia de Áncora.
Trataron temas tan diversos como: a Serraçao da Velha ( unha manifestación da cultura popular local ) , as herbas aromáticas e medicinais, o deporte, a emigración, a música e mesmo houbo actuacións musicais en directo.
Recibíronse chamadas do exterior e pasaron polos estudios deportistas e políticos como o Vereador da cultura da Câmara de Caminha falando da importancia do deporte, do Patrimonio e da educación cos medios de comunicación como aliados.
Centros de toda Galicia e do Norte de Portugal
Ademais destes centros que realizaron 5 horas de programación, centros educativos de Braga, Valença do Minho, Cotobade, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, Gondomar, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Arteixo, Coristanco, Rianxo, San Sadurniño, Burela, Monforte de Lemos e Ourense enviaron programas desde as súas propias radios como Radio Faladora, Radio Pinguela, Radio Altamira, Radio Abrente, Radio FS, Radio Turonio ou Radio Furoca. Programas de alumnos sobre a radio e deporte en formato podcast están xa no portal Escolas nas ondas (www.escolasnasondas.com)
Colaboracións
Para a xornada racibíronse mensaxes de artistas como a cantante Uxía, o xornalista de RNE-Radio 3 Iñaki Peña, o xornalista deportivo da Radio Galega Xaime Escudeiro ou o xogador do FC Barcelona , Denís Suárez, de Salceda de Caselas.
Ponte…nas ondas! está a promover o emprego das emisións “radiovisuais” nos centros educativos e a elaboración de podcasts en diferentes obradoiros que se están impartindo nos centros educativos de Galiza e do norte de Portugal e que está incrementando o uso da radio como unha ferramenta educativa capaz de realizar producións propias para desenvolver as capacidades comunicativas do alumnado. E o portal ESCOLAS NAS ONDAS é o punto de encontro destas producións audiovisuais.
Ponte…nas ondas! vén de ser escollida como unha das 100 mellores “boas prácticas” co patrimonio cultural pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.