A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! lamenta o pasamento do artesán e gaiteiro compostelán Manuel Miramontes Fandiño, máis coñecido como ‘Bartolo’ aos 88 anos de idade. Nado no barrio de San Lázaro, creceu vencellado á musica tradicional galega, tocando dende ben cativo a gaita “para gañar unha peseta” como apuntaba hai algo máis dun mes nos micrófonos de PNO!
Bartolo era un portador do noso patrimonio cultural inmaterial, un mestre do saber, unha persoa que transmitiu o seu oficio ás novas xeracións. Ponte…nas ondas! recolleu o seu testemuño no programa “A radio do patrimonio” realizado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, onde compartiu escenario cun dos seus alumnos, Xavier Varela, neto de Xesús Couceiro. Bartolo foi entrevistado polo alumnado do colexio López Ferreiro no programa “radiovisual” que foi emitido en streaming pola web de Ponte…nas ondas! no que participou tamén o músico Pancho Álvarez e o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez quen destacou o labor de Ponte…nas ondas! na re-transmisión do patrimonio.
Gaiteiro e artesán, comezou desde ben pequeno facendo música con pallas de centeo. Deseguida pasou ao punteiro, aínda que non foron poucas as palletas que rompeu tocando as súas primeiras notas. No seu pequeno obradoiro no Monte dos Postes fixo boa parte dos instrumentos que marcarían a banda sonora da súa vida. Unha banda sonora de culto á tradición galega. Manuel Miramontes Fandiño era un namorado do noso folclore, e soubo deixar en herdanza aos seus fillos e fillas esa paixón. Creou unha saga na que todos cantan, tocan ou bailan. Creou escola e fixo canteira na música tradicional.
Bartolo foi portador do noso patrimonio inmaterial. É un referente inesquecible do que significa amar, coidar e dignificar a música galega.
Vídeo completo: