PNO! foi convidada a participar no Foro do Partenariado para a Diversidade que se celebrou na cidade alemá de Flensburg convocado polo EBLUL para presentar a experiencia de comunicación. O interese deste organismo debíase a que a experiencia de Ponte…nas ondas! se desenvolve entre linguas próximas e transfronteirizas. O EBLUL (European Bureau for Lesser Used Languages) é unha ONG independente que ten como obxectivo principal a defensa das linguas e culturas minoritarias na Unión Europea e ten carácter consultivo tanto no Consello de Europa como na UNESCO.
No encontro, aprobouse, por unaniminadade, unha resolución por parte da Asemblea Xeral do EBLUL na que se recoñeceu o labor de Ponte…nas ondas!
* Por ser unha experiencia que contribúe á promoción dunha lingua minoritaria, axuda á recuperación da cultura, as tradicións e a lingua galega e favorece a cooperación transfronteiriza.
* Por desenvolver valores de respecto mutuo entre a mocidade de dous territorios veciños;
* Por ser un exemplo de boas prácticas en materia de cooperación e promoción da diversidade lingüística
* Por implicar a nenos e nenas dentro dun contexto educativo e promover o uso das novas tecnoloxías entre eles.
Por todo isto a Asemblea Xeral do EBLUL decidiu animar a outras institucións gobernamentais e non gobernamentais a apoiar e patrocinar esta experiencia.