Ponte... nas Ondas!

Teresa dos Cucos, a memoria dun Tesouro Vivo na foliada das Letras Galego-Portuguesas de Ponte…nas Ondas!

• A cantareira de Malpica de Bergantiños participará canda o grupo do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, Pandeireteiras da Ponte

• O evento celebrarase o venres 23 de maio, coa participación de escolas galegas e portuguesas e agrupacións musicais das dúas beiras do Miño.

• O proxecto inclúe a gravación dun audiovisual documental e a publicación dun Cancioneiro galego-portugués.

• A iniciativa está apoiada polo Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación da Coruña.

“Xota dos Cucos” con Teresa dos Cucos para “Axúdame a Sentir” de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (https://www.youtube.com/watch?v=hRYNKEQK0_A)

Teresa dos Cucos, de nome real Teresa Reigía Pose, é unha cantareira galega nacida en 1947 na Pontella, na parroquia de Vilanova de Santiso, no concello de Malpica de Bergantiños. É unha figura destacada na preservación e transmisión da música e tradición oral galega, especialmente vinculada ao Entroido. Este venres estará no escenario acompañando o alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, que acode á foliada co grupo Pandeireteiras da Ponte.

A súa presenza é un exemplo relevante do protagonismo dos “tesouros vivos”, esas persoas que posúen un coñecemento profundo e significativo dunha cultura ou tradición, e cuxa experiencia é fundamental para preservar e transmitir ese coñecemento ás xeracións futuras.

Isto é parte do espírito desta Foliada das Letras Galego-Portuguesas, onde o alumnado non só comparte un día de festa con outros grupos de escolas galegas e portuguesas. Ao mesmo tempo, grupos de música profesionais e persoas portadoras da tradición oral intervirán na foliada para que se produza a necesaria transmisión dos seus saberes aos asistentes.

Está prevista a asistencia de centros de toda a xeografía galega e do Norte de Portugal estimando a asistencia de 500 mozos e mozas.

Tres horas de festa: “Agora Cantamos Nós!”

‘Ferreiriñas’, o grupo do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), será o primeiro en actuar, interpretando tres pezas: “Muiñeira de Arganzón”, “Xota de Arganzón” e “Regueifa de San Salvador”.

Subirán despois ‘As tres cordas’, grupo do alumnado do IES de Ames, que tocará “O Pico”, de Riobó, “Muiñeira do Verdellinho” e “Se chove”, de Treixadura.

Ás 11h prevese a asistencia dos representantes das institucións que apoian esta iniciativa: o Concello de Santiago de Compostela (alcaldesa, Goretti Sanmartín), a Xunta de Galicia (o secretario Xeral da Lingua, Valentín García e o director xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes) o Consello da Cultura Galega (a presidenta, Rosario Álvarez) e a Deputación da Coruña (a deputada Sol Agra Tuñas).

A festa continuará entón cos ‘Barri-Kreo’, grupo formado por alumnado do IES do Barral (Ponteareas), que bailará dúas xotas e unha muiñeira. Será quenda despois para o CEIPP Cardenal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela), onde o grupo ‘Sexta feira’ preparou as pezas “Regueifa do Banquete”, “Muiñeira Corrida” e “Tataravoa”, versión coral do tema de Fillas de Casandra.

E será entón, arredor das 11:30 h cando actuará o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), acompañado pola mencionada Teresa dos Cucos.

Mestra da Memoria

Desde nova, Teresa dos Cucos desenvolveu un profundo vínculo co canto tradicional. Destaca polo seu amplo repertorio de cantigas e comparsas de Entroido. Formou parte do grupo Raíces Combinadas de Limiñoa e colaborou coa Fundación Eduardo Pondal do Couto, concretamente con Rafael Quintía.

A súa vida e obra foron recoñecidas en diversos medios e programas culturais. Por exemplo, foi protagonista do capítulo 150 do programa “Alalá” da TVG e tamén participou no programa “Luar”.

A súa influencia esténdese a moitos artistas actuais, como Xabier Díaz, Sés, Mercedes Peón, Xurxo Souto e Tanxugueiras. Participou na gravación da “Xota dos Cucos” con Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre. En 2021, foi galardoada como Mestra da Memoria pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), recoñecemento que destaca o seu papel na conservación da memoria cultural galega. A súa figura tamén foi destacada recentemente en campañas culturais, como a iniciativa de Aceites Abril que homenaxea a cantareiras galegas, onde se lle describe como “mestra de mestras” e “memoria viva”.

Reivindicación do patrimonio oral galego-portugués

A foliada deste venres 23 de maio, que xunta en Compostela a grupos de música, baile e pandeireteiras de 15 centros educativos de Galicia e Portugal nunha romaría das Letras Galego-Portuguesas, quere aproveitar o ano das Letras Galegas 2025 para reivindicar o patrimonio oral galego-portugués, un patrimonio compartido coa lusofonía e que Ponte…nas ondas! vén divulgando e transmitindo ás novas xeracións.

Xa no recente evento de celebración do seu 30 aniversario, as escolas participantes con PNO! puxeron o foco de diversas actividades na transmisión dese cancioneiro tradicional.

Este venres, desde o outro lado da raia, visitará Compostela alumnado portugués, como é o caso do Grupo de Cavaquinhos da Escola Profissional Agrícola Engenheiro Silva Nunes, de Celorico de Basto, que interpretarán “Quero o Valentim”, “Vira do Minho”, “Fadinho da tia Maria Benta” ou “Sete mulheres do Minho”.

A festa estenderase ata as 15:30 horas, e poñeralle o ramo o alumnado do CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), escola con intensa actividade musical, que traerá ata tres grupos: ‘Gaiteir@s Bailador@s Ramalloseir@s’, ‘Pandereteir@s da Ramallosa’ e ‘Sons de Teo’, para agasallarnos con ata cinco pezas: “Muiñeira Buxos Verdes”, “Pasodobre de Cabezudos”, “Vai de póla en póla”, “Pasodobre de PNO” e “No salón das cereixas”.

En documento adxunto pode consultarse a escaleta completa do evento.

Na liña das recomendacións da UNESCO

A literatura oral popular e o cancioneiro tradicional, que se celebran este ano nas Letras Galegas, son un patrimonio compartido con Portugal e cos demais países de lingua portuguesa.

Ponte…nas ondas! como ONG consultora da UNESCO para o Patrimonio Cultural Inmaterial, única entidade acreditada en Galicia, pretende dar a coñecer este cancioneiro común ás novas xeracións de ambos territorios. Unha tarefa que enfía a Recomendación sobre a Salvagarda da Cultura Tradicional e Popular, adoptada pola UNESCO o 15 de novembro de 1989. O documento afirma que “a literatura oral tradicional e popular fai parte do patrimonio cultural da humanidade e merece ser recoñecida, valorizada e preservada”. E conclúe que “ a literatura oral tradicional e recoñecida como unha forma esencial da cultura popular que debe ser salvagardada como patrimonio cultural inmaterial da humanidade debido ao seu papel fundamental na preseervación da identidade, historia e valores das comunidades”.

Unhas letras que son un patrimonio compartido e que fan da literatura galega unha expresión universal que non só aprenden e coñecen as novas xeracións de Galicia e Portugal, senón que tamén outras persoas doutros lugares cantan e bailan coas mesmas palabras.

O Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación de A Coruña colaboran e apoian a celebración desta Foliada e a edición do Cancioneiro galego-portugués.

O PROGRAMA

10.15 h. Presentación e benvida

10.30 h. a 13.20 h. Bloque 1:
CEIP López Ferreiro. Compostela
IES de Ames
IES Barra. Ponteareas
CEIP Cardenal Quiroga. Compostela
IES Eduardo Pondal. Ponteceso
CEIP Seis do Nadal. Vigo
CEIP Petelos.Mos
Escola Nadir Afonso. Chaves
CEP Altamira. Salceda de Caselas
CEP Carlos Casares. Salvaterra de Miño

13.20 h. a 13.50 h. Actuación DE VACAS

13.50 h. a 14.20 h. Xantar e actuacion de OS FONDAOS DO PÍNFARO

14.20 h. a 15.20 h. Bloque 2:
IES de Salvaterra de Miño
Escola Profissional de Celorico de Basto
IES Alexandre Bóveda. Vigo
IES San Clemente. Compostela
CEIP A Ramallosa. Teo

O CANCIONEIRO GALEGO-PORTUGUÉS

Ponte…nas ondas! promove a publicación dun cancioneiro tradicional galego-portugués cunha escolma de cantigas comúns a Galicia e Portugal e que tamén se espallaron polos países de lingua portuguesa. Este cancioneiro que mostrará as afinidades entre as letras das cantigas chegará aos centros educativos no outono e vaise divulgar tamén en Portugal.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Foliada Agora Cantamos Nós! Baner Modelo PNO!
Campaña Subscríbete ao Galego
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO! PNO! 8º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas