Innovación constante

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! tivo sempre como un dos seus obxectivos primordiais a difusión da Radio Escolar porque considera que é unha ferramenta sinxela, barata e de doada implantación nos centros escolares, ao mesmo tempo que unha potente ferramenta didáctica con múltiples aplicacións e infinitas posibilidades na vida diaria das escolas. A chegada dos modernos medios de comunicación, Internet, redes sociais así como a aparición de adiantos tecnolóxicos, gravadoras e reprodutoras de son dixitais, teléfonos móbiles, ordenadores, tabletas, non restaron nada da potencialidade do medio radio senón que aínda lle engadiron máis posibilidades e fixeron máis doado, se cabe, a súa utilización.

Coa radio como ferramenta central, Ponte…nas ondas! realiza obradoiros de iniciación á radio escolar polos centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, fornecendo de formación a arredor dun milleiro de nenos e nenas na creación e realización de podcasts para a súa inserción nunha plataforma dixital de difusión que poden ser as radios educativas de cada centro onde se desenvolva. Ponte…nas ondas! tamén segue co seu programa de formación específico para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais. Ademais, a asociación presta axuda aos centros educativos no proceso de creación das súas emisoras escolares.

Ponte…nas ondas! experimentou unha gran evolución desde os seus comezos.

En 1997 realizouse a primeira retransmisión por internet. A empresa galega ENSINET, de Marín, propiedade do enxeñeiro e profesor José María López Gómez desprazou a Salvaterra de Miño un servidor Windows NT con conexión RDSI, a través da cal se se retransmitiu á rede por streaming todo o contido da xornada radiofónica. En 1998, coa colaboración da compañía Telefónica de España, fíxose unha nova emisión por Internet ampliando o largo de banda.

Na VIII edición, en 2002, estableceuse comunicación a través dunha videoconferencia entre o estudo de radio escolar instalado na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, o Colégio Arco Iris de Maputo (Mozambique) e o maior colexio público de Río de Janeiro, o Colégio Pedro II. Pero ademais, chegouse a realizar a emisión en directo desde sete estudios de radio: seis profesionais (de emisoras municipais) e o escolar establecido na Casa da Cultura en Salvaterra de Miño.

Nestes últimos anos, as novas tecnoloxías fóronse incorporando aos poucos e hoxe en día Internet é o medio que fai posible que esta experiencia chegue a lugares aos cales hai uns anos atrás era impensable acceder.

A experiencia nas ondas, é agora unha experiencia multimedia

A emisión do sinal de televisión por Internet realizada por UVIGO-TV ( a televisión da Universidade de Vigo ) fixo que a experiencia dese un salto cara a un enfoque multimedia onde o audiovisual adquire xa todo o protagonismo. Isto permitiu que a través da Web houbese unha participación e un seguimento maior nos centros educativos para asistir á emisión en directo dos eventos, que pode ser contemplados como un programa audiovisual. Ademais, afondouse na interactividade: durante o día das emisións poden recibirse mensaxes desde todo o mundo de persoas que están a seguir a emisión a través de Internet. O correo electrónico, os foros ou os chats foron ferramentas experimentadas inicialmente para intercambiar mensaxes sobre os programas en emisión. Durante o Día Mundial da Radio de 2017, incorporouse o uso do Whattsapp, coa chegada en tempo real de mensaxes desde os teléfonos móbiles, mensaxes de voz, que foron incorporadas ao evento.

Importantes medios de comunIcación de Portugal e España colaboraron coa experiencia

Os medios de comunicación como a radio, a televisión e a prensa escrita, teñen colaborado coa experiencia difundindo información sobre esta xornada. Outro gran paso foi a incorporación do alumnado da Universidade que fixo posible que a emisión pasase a durar 24 horas. Completouse así o ciclo educativo de Ponte…nas ondas!, abarcando a participación nunha experiencia educativa de alumnado desde os 3 anos até a Universidade.