Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o labor de Ponte…nas Ondas!

Fallados os Premios da Fundación Lois Peña Novo pola normalización da lingua galega na súa XXIII edición, o xurado quixo recoñecer nesta ocasión o traballo da maxistrada Sandra Piñeiro, do biólogo Xurxo Mariño e da asociación cultural e pedagóxica Ponte…nas Ondas!

Agradecidos ao xurado dos premios Peña Novo por este recoñecemento! Unha grande honra ser escollidos polo traballo desenvolvido ao lado de persoas e entidades que defenden e transmiten o noso patrimonio máis prezado: a lingua. O premio é para todos os centros educativos, para o alumnado, para o profesorado e para as persoas e asociacións que fan que o noso patrimonio se manteña vivo nas voces das novas xeracións. Parabéns tamén a Xurxo Mariño e a Sandra Piñeiro por este premio. O día 29 de xuño vémonos en Soutomaior!

Así o recolle a acta do xurado da Fundación Lois Peña Novo:

Nesta edición XXIII dos galardóns o xurado composto por D. Xosé Manuel Cid, Dtor. en pedagoxía e profesor da UdVigo (Ourense); Dª. Consuelo Castro Rey, avogada do Estado-Xefe en Galicia; D. Xurxo Martínez González, investigador e técnico NL concello de Redondela; Dª Flora Miranda Pena, médica e política; D. Xosé M. García Crego, xubilado industria editorial e Dª. Carme Pérez Vaquero, secretaria Fundación Peña Novo outorgou os premios a:

Dª. SANDRA PIÑEIRO VILAS, maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo. Ingresa na carreira xudicial no 2005 e desde ese mesmo momento o seu compromiso coa lingua a leva a desenvolver a súa actividade profesional en galego. A súa constancia nese maxisterio galeguizador fai e fixo que moitos avogados e avogadas así como funcionarios e funcionarias e outros axentes xurídicos seguisen o seu exemplo, dándolle un prestixio ao noso idioma no ámbito xudicial. Suliña o xurado a súa traxectoria impecable na defensa do uso da lingua galega no seu ámbito profesional no que leva ditado máis de catro mil sentenzas e de dez mil autos e resolucións xudiciais en galego, creando dese xeito un corpus documental de gran riqueza para o noso idioma supoñendo ese esforzo persoal un enorme paso para a divulgación do galeguismo xurídico.

D. XURXO MARIÑO ALFONSO, Neurofisiólogo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade da UdC e comunicador científico. Membro da sección de ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega e do grupo de investigación Neurocom da UdC así como de varias sociedades científicas españolas e internacionais nas que desenvolve un traballo de investigación en neurobioloxía e estudo de ferramentas estatísticas para análise. Difusor incansable da ciencia en galego, artellou espazos novedosos como os Cafés-teatro científicos, os Discurshows ou Os monólogos tratando cuestións científicas dunha maneira pedagóxica e distendida.  Defensor do espallamento do coñecemento na nosa lingua, salienta o xurado o compromiso que vén mantendo desde hai anos exercendo a docencia universitaria en galego, servindo de exemplo para as súas alumnas e alumnos, e convertíndose nun exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria.

A ASOCIACIÓN CULTURAL E PEDAGÓXICA PONTE NAS ONDAS que vén desenvolvendo, desde hai máis de 20 anos, un labor de transmisión e posta en valor do patrimonio inmaterial común entre Galicia e Portugal no que a lingua é o soporte da experiencia da asociación que se desenvolve tanto no ámbito cultural como educativo e social a través da radio, internet e/ou a dinamización da cultura popular. O labor de Ponte nas Ondas achégase a sectores sociais diversos destacándose o labor de transmisión do patrimonio  realizado a partir da experiencia das comunidades de portadores que achegaron o seu coñecemento para levalo, non só as aulas, senón poñéndoo en valor coa presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués diante da UNESCO. Recentemente este organismo acreditou a Ponte nas Ondas como ONG consultora en temas de patrimonio inmaterial, coa colaboración de prestixiosos antropólogos, filólogos e outros investigadores do social. Considera o xurado que o traballo de implicación de diversos sectores pero sobre todo da mocidade utilizando a lingua e defendendo un xeito de ser e unha cultura propia, é merecente dun recoñecemento social.

(No arquivo adxunto a comunicación oficial do premio, que será entregado o xoves 29 de xuño ás 19:30 horas do serán nun acto público no Castelo de Soutomaior en presenza de diversos sectores da sociedade)

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here