Ponte…nas Ondas! coordínase con ONG ibéricas para a difusión do patrimonio inmaterial


A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! vén de participar en Lisboa na II Reunión de ONG Ibéricas acreditadas pola UNESCO. O evento tratou a relación das asociacións coas entidades gobernamentais na área do patrimonio cultural inmaterial e as comisións estatais da UNESCO.

Os colectivos participantes acordaron afondar na coordinación e intercambio de actividades e experiencias relacionadas co patrimonio. Especialmente, debateron sobre as prioridades a curto prazo ao fío da próxima reunión do Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que terá lugar en Bogotá (Colombia), durante o próximo mes de decembro. Hai que lembrar que nesa reunión vaise examinar un conxunto de directrices sobre a mellor maneira de salvagardar o patrimonio vivo en situacións de emerxencia e sobre como mellorar a participación das ONG na aplicación da Convención.

Ademais de Ponte…nas Ondas!, a única das entidades participantes que ten carácter transnacional e desenvolve o seu traballo en dous países, están involucradas neste foro entidades como o Centro em Rede de Investigaçao em Antropologia (CRIA), a Fundaçao INATEL e a Memória Imaterial Cooperativa Cultural, en Portugal. Do estado español participan ademais do mencionado ENS de l’Associacionisme Cultural Català, a Associació d’Estudis Fallers, o Centro de Estudios Borjanos “Fernando el Católico”, o Centro UNESCO de la Ciudad Autónoma de Melilla, o Centro UNESCO de San Sebastián, a Coordinadora de Colles Castelleres de Catalunya, a International Association of Paremiology e UNESCO Etxea: Centro UNESCO de Euskal Herria.

COMPARTILHAR

DEIXE UMA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here