Ponte… nas Ondas! do Mar de Vigo

  • Alumnos galegos e portugueses realizarán o programa “ radiovisual ” RETRANSMITINDO O VINDEL con motivo do DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO e da presenza en Vigo do pergamiño de Martín Códax.
  • Ponte…nas ondas! retransmitirá a través do Facebook de Ponte… nas Ondas! a partir das 11.00 hs. un magazine audiovisual con persoas convidadas que abordarán diferentes aspectos das cantigas de amigo e do pergamiño Vindel.

A presenza do pergamiño Vindel en Vigo sirve de argumento para transmitir aos centros educativos da eurorrexión a importancia que a tradición oral galego-portuguesa tivo na construción da cultura galega e portuguesa. As cantigas de amigo constitúen a expresión autóctona da literatura oral que chegou até os nosos días a través dos cancioneiros medievais e de pergamiños como o Sharrer ou o Vindel.

O RADIOVISUAL DO VINDEL

O programa “radiovisual” contará con convidados como o director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés que será interrogado sobre a importancia da presenza do pergamiño Vindel no museo.
Tamén será entrevistado Cipriano Jiménez, do grupo Pertenza, artífice da traída do manuscrito a Vigo, que responderá ás preguntas sobre o proceso de xestación do traslado desde a Morgan Library de Nova York.

A profesora da Universidade de Vigo, Camiño Noia, especialista en literatura oral e investigadora sobre a tradición oral galego-portuguesa, trasmitirá a importancia das cantigas de amigo como mostras dunha tradición oral na Idade Media que en boa parte eran cantos de mulleres nos que os xograres e trobadores se inspiraron.

Martín Codax en 55 idiomas

O profesor Xosé Henrique Costas presentará neste programa o proxecto para darlle voz ás cantigas de Martín Códax en 55 idiomas. Emitiranse algunhas destas gravacións e explicarase o seu desenvolvemento que conta con colaboradores e tradutores en diversas universidades de todo o mundo.

Primordiais

O dúo Primordiais formado por Luis Martínez ( luthier de instrumentos de corda e arpista ) e Marcelo do Bode ( intérprete e recompilador da música tradicional ) porá música en directo a algunha das cantigas de Martín Códax e a outras da tradición oral galego-portuguesa. Ademais serán entrevistados polo alumnado sobre a importancia da música na transmisión da literatura oral.

Audiovisual

Emitiranse algunhas gravacións en vídeo dalgunha das 7 cantigas do pergamiño Vindel, como a realizada polo músico brasileiro Chico Buarque coa cantiga nº 5 ( Quantas sabedes amar amigo ) para o ballet Sem Mim de Belo Horizonte en Minas Gerais ou a versión da cantiga 6 ( E no sagrado em Vigo ) do Ensemble checo RNH.
www.pontenasondas.org
www.escolasnasondas.com

+ info: 615 02 98 40

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here