Ponte… nas Ondas! participa en Barcelona no primeiro encontro de ONGs consultoras da UNESCO para o patrimonio cultural inmaterial

Álvaro Campelo e Santiago Veloso no plenario da UNESCO
  • Durante os días 30 e 31 de maio vai desenvolverse na cidade condal o encontro de ONGs que están acreditadas pola UNESCO como consultoras para o PCI na península Ibérica. Son 4 en Portugal e 8 en España.
  • Entre elas está Ponte…nas ondas!, a única de carácter trasnacional que desenvolve o seu traballo en dous países.
  • Desde hai anos estas asociacións asisten ás reunións do Comité Intergobernamental e da Asemblea Xeral da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) e forman parte do Foro de ONGs do PCI (ichngoforum.org).

A convocatoria parte do Ente do Asociacionismo Cultural Catalán, que é a ONG anfitrioa deste primeiro encontro, e que busca tecer redes de colaboración entre as diferentes entidades que traballan co patrimonio, intercambiando experiencias e coñecementos. Desde Portugal asisten o Centro em Rede de Investigaçao em Antropologia (CRIA), a Fundaçao INATEL e a Memória Imaterial Cooperativa Cultural.

Do estado español van participar a Associació d’Estudis Fallers, o Centro de Estudios Borjanos “Fernando el Católico”, o Centro UNESCO de la Ciudad Autónoma de Melilla, o Centro UNESCO de San Sebastián, a Coordinadora de Colles Castelleres de Catalunya, a International Association of Paremiology e UNESCO Etxea: Centro UNESCO de Euskal Herria.

Trátase de organizacións cun abano de experiencias bastante amplo e distinto, que abranguen unha gran diversidade de temáticas e obxectivos e, precisamente por iso, o traballo conxunto pode servir para complementar e reforzar o papel da sociedade civil na aplicación da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. As ONGs consultoras asesoran no territorio sobre as liñas de actuación establecidas na Convención e, nalgúns casos, desenvolven actividades nos diversos aspectos e ámbitos do PCI.

O programa iníciase o xoves 30 cunha recepción das asociacións no Concello de Barcelona e continúa cun abano de actividades a desenvolver na sede do Ens de l’Associacionisme Cultural Català na rúa Valencia de Barcelona.

No venres 31 presentaranse diversas experiencias de rexistro e inventario do PCI e abordaranse as relacións das ONGs cos gobernos no ámbito do patrimonio.

Ponte…nas ondas ! ( 1995 – 2020 )

Ponte…nas ondas ! presentará no encontro un relatorio das actividades desenvolvidas ao longo dos 25 anos nos que o patrimonio inmaterial galego-portugués foi promovido en Galicia e Portugal e mesmo foi presentado á UNESCO en 2014 nunha candidatura que avalaron Portugal e España. Tamén se darán a coñecer proxectos e actividades que se van desenvolver no 2020 con motivo do 25 aniversario.

Compartir

Dejar respuesta

Please enter your comment!
Please enter your name here