“Se contar cun persoaxe propio non é digno de ser preservado, non contamos moito como cultura”

Falamos con Comba Campoy antes do II Ponte… na Escena-Festival Internacional de Teatro de Gondomar. Dentro da edición deste ano hai un protagonista de luxo: Barriga Verde. A mítica personaxe de monicreques que percorreu feiras e romarías galegas no século XX centrará a programación deste Festival a través de representacións, a proxección dun documental, e unha exposición.

A segunda edición deste Festival Internacional de Teatro conta con espectáculos chegados de Portugal, Francia e mesmo Brasil. Pola súa banda, a participación galega estará centrada na recuperación do mítico Barriga Verde e do seu creador, Xosé Silvent.

A recuperación desta personaxe e dos seus creadores é un traballo de varios colectivos e individuos que xuntaron forzas para revalorizar todo un símbolo do século XX en Galicia mais que ficaba totalmente esquecido. O esquecemento era tal, que en 2010, cando se cumprían cen anos do nacemento da personaxe, a efeméride pasou inadvertida.

A AC Morreu o Demo, a compañía de monicreques Viravolta e o profesor e investigador Xaime Iglesias, son os principais actores na recuperación desta personaxe e todo o que a rodea. Entre eles conseguiron recuperar os espectáculos, acumular elementos para unha exposición, gravar un documental e mesmo escribir unha biografía do seu creador entre outras accións.

A xornalista Comba Campoy é secretaria da AC Morreu o Demo. Ademais está a realizar a súa tese de doutoramento sobre o Teatro de Barriga Verde durante a posguerra. Falamos con ela sobre a mítica personaxe que soubo arrincar aos nenos – e aos non tan nenos – un sorriso en tempos difíciles percorrendo este país pre-moderno na súa barraca que era agardada devotamente pola audiencia nas feiras e romarías máis importantes do país:

Como acaba Xosé Silvent, de orixe francés, desenvolvendo a súa carreira en Galicia como Barriga Verde?

Xosé Silvent naceu en Estremadura no seo dunha familia de artistas ambulantes, probablemente de orixe francesa (especúlase sobre a posibilidade de que o seu pai tivera chegado coas tropas francesas durante a Guerra da Independencia). Moi novo separouse da súa familia e cruzou a fronteira a Portugal, onde tería traballado como aprendiz de fantocheiros que lle ensinarían a arte de manexo dos Robertos. Co tempo, acadou o dominio da técnica e creou o seu personaxe, Barriga Verde, co que cruzou a Raia para actuar nalgunhas feiras do Sur galego, onde coñecería á súa muller, natural de Lérez. Este foi o motivo de que asentase no noso país.

Acaba identificándose a Xosé Silvent con Barriga Verde. Foi o seu creador? Houbo outros artistas que empregaran a personaxe?

Ao traballarmos cun material tan sensible como é a cultura inmaterial, é difícil falar dun único creador para unha expresión cultural que non deixa de ser unha combinación de distintas influencias. En todo caso, polos datos que manexamos, semella que Xosé Silvent foi o creador do personaxe, que non deixa de ser un membro da familia de Pulcinella, con moitos trazos do Dom Roberto portugués e algúns outros do Dom Cristobo que existía en Galiza antes de Barriga Verde… En calquera caso, do que non hai dúbida é de que Xosé Silvent e os seus irmáns Santiago e Julia dotaron a Barriga Verde dun carácter propio e lle deu grande sona, o que faría que outrosbonecreiros decidisen adoptar ese mesmo nome para os seus espectáculos.

Cales son as principais características dos espectáculos de Silvent?

Non existen gravacións dos espectáculos, o único material co que contamos é a memoria da familia e das persoas que asistiron. Os títeres eran o prato forte dun espectáculo de varietés nos que se combinaban números circenses, música e actuacións humorísticas. As pequenas pezas de títeres responden ao esquema típico da tradición europea de títere de cachiporra, na que o heroe vai atopándose cunha serie de personaxes cos que se xeran distintos conflitos, moitos deles disparatados, pero nos que sempre subxace un fondo irreverente e antiautoritario. O pau era un elemento indispensábel do personaxe, co que se enfrontaba ao crego, ao indiano ou ao Demo, ao que mataba sempre ao final das representacións.

En toda unha vida percorrendo festas e romarías co seu carromato, debeu haber unha chea de anécdotas, cal nos destacarías?

O proceso de recollida das memorias das persoas que viron a Barriga Verde está en marcha e son moitas as anécdotas que xorden, tanto as referidas aos vínculos que tecía a familia Silvent en todos os lugares nos que instalaban a súa barraca (ou nos salóns de baile onde actuaban no inverno), como aos encontros coas figuras da autoridade, os cregos ou os Gardas Civís que nalgún caso se sentían apelados no espectáculo de títeres. Pero en xeral, os Barriga Verde eran moi queridos en todos os lugares onde actuaban e non tiveron problemas coa xustiza.

Cal foi o principal legado de Barriga Verde?

Penso que iso é algo que nós mesmos, como pobo, temos que determinar. Se o feito de contar cun personaxe propio, membro dunha tradición de séculos, non é digno de ser preservado, é que non temos moito que contar como cultura. Desde a AC Morreu o Demo estamos convencidos de que Barriga Verde é un patrimonio da cultura popular que debemos ser quen de manter vivo, polo que leva aparellado de conexión co noso pasado, e co que pode contribuír a enriquecer o noso futuro.

Quen sería o sucesor de Barriga Verde?

Por desgraza, na década de 1960 os últimos titiriteiros ambulantes abandonaron a súa actividade e substituírona por outras atraccións de feria. Nese momento Barriga Verde cae nun esquecemento e deixan de facerse títeres en galego até que a finais dos anos 70 aparece unha nova xeración de titiriteiros que se forman fóra de Galicia, e polo tanto descoñecen a referencia a unha tradición previa de marionetas galegas. Son Kukas, os Tanxarina, Viravolta e outras compañías que fixeron un traballo inmenso, pero que xa traballan noutra clave, fan un teatro con pretensións máis artísticas. Xa non se trata de titiriteiros populares que percorren os camiños para gañar a vida. En todo caso, esta xeración preocupouse por rescatar a tradición de títeres galega; a xente como Anxo García de Viravolta ou Santi Prego foron os primeiros que investigaron sobre Barriga Verde.

Dentro do programa de Ponte… na Escena, dupla sesión de Barriga Verde:

Xoves 8 ás 12:00 ou ás 21:30 no Auditorio Lois Tobío de Gondomar. Compañía Viravolta

Ponte… na Escena: do 8 ao 11 de maio en Gondomar. 

Fonte – Galicia Confidencial http://tendencias.galiciaconfidencial.com/nova/18829.html

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here