Un mar de tesouros: o libro

O proxecto realizado no Concello de A Guarda, entre novembro de 2012 e setembro de 2013, consistiu na realización dun estudo e inventario das persoas e grupos de portadores da cultura marítima que se poden considerar “tesouros vivos” do patrimonio marítimo.

Aquí podedes ver en liña o libro ‘Un mar de tesouros’

Este proxecto, presentado polo Concello de A Guarda, que forma parte do GAC 7 Ría de Vigo – A Guarda, obtivo deste organismo parte do financiamento para a súa execución. A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! foi a encargada de realizar os traballos que se contemplaban no proxecto inicial. Tal como se recollía no plano presentado, contouse coa colaboración da Confraría de Pescadores Sta. Tecla de A Guarda, a Asociación de Redeiras Atalaia do Baixo Miño e a Organización de Palangreiros de A Guarda.

Os centros educativos foron e serán partícipes deste proxecto, levando ás aulas os saberes destes “tesouros vivos”. Un equipo profesional encargouse de documentar as entrevistas con estas persoas e grupos para a relación dos traballos finais.

Ademais destas accións, os tesouros vivos participaron en actos e actividades de recoñecemento social onde foron valorizados os seus saberes e habilidades.

Trátase dun plan de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués que o Concello de A Guarda está a implantar con esta primeira acción que será completada noutros ámbitos do patrimonio.

Entre as medidas que se incluíron neste proxecto contemplouse a identificación, a documentación, a investigación, a preservación, a protección, a promoción, a valorización, a transmisión -basicamente a través do ensino formal e non formal- e a revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos segundo recomenda a Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial no seu artigo 2.3.

Durante o proceso de realización dos traballos puidose constatar a boa disponibilidade tanto das asociacións como das entidades a participar no proxecto. Esta colaboración permitiu desvelar novas informacións que aportaron achegas importantes desde o punto de vista etnográfico e antropolóxico.
Tamén se puido constatar que estes “tesouros vivos” posúen materiais e obxectos relacionados cos seus saberes que fixeron aportacións significativas para ilustrar os seus coñecementos así como fotografías sobre as súas actividades.

Constatouse que nalgúns casos, o proceso de transmisión destes saberes xa se rompeu pola simple desaparición das persoas portadoras do oficio ou saber tradicional, como é o caso dos veleiros. Aínda así, encóntranse referencias e testemuñas que teñen un importante valor e que deben ser recollidas. Noutros casos, ao quedar só unha persoa como detentora dos coñecementos é urxente e imprescindible rexistralo e transmitilo ás novas xeracións.

A finalidade do proxecto é a posta en valor dos saberes destes portadores que deben ter un recoñecemento social e posiblidade de transmitilos.

Ámbitos da cultura marítima que foron abordados no proxecto:
Argazo
Redeiras – Atadeiras
Cordelería
Carpintaría de ribeira
Marisqueo
Pesca tradicional artesanal
Pesca altura

Compartir

DEIXA UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here