O Certame “As imaxes do patrimonio” destinado aos centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal constitúe un exemplo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial ás novas xeracións realizada a través da escola que serve de ponte entre as familias,comunidades portadoras, e o ensino formal.
Inclúese unha categoría de PODCASTs relacionados coas imaxes do patrimonio.
PARTICIPA AQUÍ NA OITAVA EDICIÓN:
ENVÍADE AS VOSAS IMAXES, TEXTOS e LIGAZÓNS A TRAVÉS DE WETRANSFER, DROPBOX, ETC, AO CORREO ELECTRÓNICO certame@escolasnasondas.com
Lembrade indicar nome, escola e teléfono de contacto.
*Preme aquí para descargar as bases completas (.pdf)
BASES COMPLETAS
O Certame pretende que este patrimonio que se encontra depositado nas familias sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio. Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para os máis xoves.
O patrimonio cultural inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade que teñen nas familias os núcleos básicos, sendo vivenciada polas persoas portadoras e, como tal, está documentada desde os inicios da fotografía.
As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familias para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas e fundamental o papel do profesorado como axente transmisor. Desde principios do século XX, moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, converténdose en valioso testemuño do patrimonio común galego-portugués.
Neste certame, o alumnado non só debe procurar esas fotografías en branco e negro, debe preguntar polo seu contexto e polas persoas e a partir de aí elaborar un texto ou un audio (podcast) propio onde explique a súa vivencia da imaxe.
A Asociación Ponte…nas ondas! promove a recuperación e posta en valor das fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral e contribuír así ao paso do ámbito analóxico ao contorno dixital.
O modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas (educación+patrimonio+tics+comunicación) co Patrimonio Cultural Inmaterial inscrito na UNESCO en 2022 ten nesta actividade un valioso exemplo e os centros educativos poden integralo na súa práctica educativa como modo de transmisión ás novas xeracións.
Por todo o anterior, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca o 8º Certame de recolla das imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués.
BASES 8º CERTAME “AS IMAXES DO PATRIMONIO”
1. O Certame terá dúas categorías:
-
- Na 1ª poderá participar o alumnado de Infantil e Primaria do sistema educativo galego. En Portugal participará o alumnado do Ensino Básico e Segundo Ciclo.
- Na 2ª poderá participar alumnado de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do sistema educativo galego. En Portugal participarán os alumnos e alumnas do terceiro Ciclo en adiante.
2. As fotografías deberán conter imaxes de calquera aspecto relacionado co Patrimonio Cultural Inmaterial e estar tomadas en datas anteriores a 1970.
3. Presentaranse dixitalizadas, coa maior resolución posible, en formato jpg ou png.
4. Cada imaxe acompañarase dun título e dun texto libre, onde se poderán detallar os datos básicos da foto, onde está tomada, quen aparecen nela, data aproximada na que foi feita e unha explicación do que se ve, relatando a relación desa imaxe co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).
O texto debe enviarse por separado en formato Word, OpenOffice ou na propia mensaxe de correo electrónico. Terá unha extensión máxima de 150 palabras na 1ª categoría e de 250 na 2ª categoría.
5. Cada participante só poderá achegar fotografías que sexan propiedade da súa familia sendo motivo de exclusión do certame a presentación de imaxes de fóra dese ámbito.
6. Cada centro educativo poderá participar coa cantidade de fotografías que desexe.
7. Fóra de concurso poderán participar enviando fotografías persoas e entidades que non pertenzan aos sistemas educativos. O xurado valorará as súas achegas podendo facer mención daquelas imaxes que, ao seu xuízo, sexan salientables.
8. PODCAST: Tamén se pode participar no Certame enviando un podcast que faga referencia a unha das imaxes contempladas no apartado 2. Valorarase a descrición e a calidade técnica do audio e poderán incluírse voces de persoas testemuñas da imaxe. O podcast valórase independentemente.
9. O podcast terá unha duración máxima de 5 minutos e poderá conter música, entrevistas e calquera outro material que explique a foto á que acompaña e será enviado nun dos formatos habituais das plataformas (por exemplo, subido en Ivoox).
10. Un xurado formado por profesores, fotógrafos, etnógrafos e antropólogos de Galicia e do Norte de Portugal valorarán a calidade e o interese patrimonial das fotografías cos textos que se acompañen e os podcast recibidos e o seu valor como mostras do patrimonio inmaterial galego-portugués.
11. PREMIOS:
1ª Categoría:
- 1º premio: ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
- 2º premio: unha tableta de 10”
- 3º premio: unha cámara fotográfica instantánea
- Podcast: unha tableta e un micro de botón
2º Categoría:
- 1º premio: ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
- 2º premio: unha tableta de 10”
- 3º premio: un libro electrónico
- Podcast: unha tableta e un micro de botón
- Premio Especial: un obradoiro de radio e patrimonio para o alumnado, que recibirá aquela escola que presente un traballo salientable no que se mesturen fotografías con outros medios de expresión e técnicas, ou mande o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases, teñan grande relevancia polo seu contido. No caso de ser presentados varios proxectos, premiaranse os tres mellores.
12. O xurado valorará as imaxes, por esta orde, cos seguintes criterios:
- Que sexa reflexo dunha manifestación do PCI. A fotografía debe mostrar unha tradición ou expresión do patrimonio cultural reflectindo, ao máximo posible, a súa esencia.
- Que o texto que acompaña á fotografía axude a entender o patrimonio que se mostra.
- Calidade da proposta visual que teña a propia fotografía.
13. En caso de que, a xuízo do xurado, ningunha fotografía ou podcast acade a calidade requirida, poderá deixarse deserta algunha das categorías.
14. Unha vez asignados os premios e no caso de haber máis fotografías ou podcast que, ao xuízo do xurado, sexan merecedores de recoñecemento, poderán concedérselle accésits que recoñezan a valía deses traballos.
15. Os premios serán entregados nun acto público para o que é imprescindible a asistencia dos premiados para recibilo. A asistencia ao acto de entrega presupón a aceptación da difusión das imaxes dos participantes no acto.
16. A participación no Certame supón a aceptación destas bases e a autorización para a difusión das fotografías e dos podcast remitidos.
17. O prazo de presentación das fotografías e dos podcasts comezará o día 15 de xaneiro de 2024 e rematará o 23 de xuño de 2025.
18. As fotos, textos e, no seu caso, a ligazón do podcast, enviaranse ao correo: certame@escolasnasondas.com, indicando: Nome do alumno/a, título, escola, nivel educativo e teléfono de contacto e correo electrónico do docente responsable.
19. Os resultados do Certame faranse públicos nas páxinas Web de PNO! en setembro de 2025, e comunicaráselle directamente aos gañadores ou gañadoras.
20. A decisión do xurado considerarase inapelable non podendo ser obxecto de ningunha reclamación. Calquera cuestión que, non estando contemplada nas bases, xurda ao longo do proceso, será resolta polo xurado.
21. Para calquera dúbida ou aclaración respecto a este Certame: ondas@pontenasondas.org
Queres revisar o arquivo das edicións anteriores? Mira aquí!