Ponte... nas Ondas!

VII Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”: As gañadoras!

Escolas galegas e portuguesas peneiran centos de estampas familiares en prol do patrimonio

• Aulas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago de Compostela, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, en Galicia, ou Porto e Monção, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminará co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio.
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Un alambique ambulante por terras de Amandi, a primeira fábrica de gaseosas do concello de Laza a comezos do século XIX, unha estampa da vendima, un tataravó palangreiro en terras do Barbanza, un concurso de vestidos de bonecas nos anos 50 do século pasado, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos, montando o palco da festa…

Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VII Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte…nas ondas!

O xurado integrárono Sergio Pereira antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor, e Fran Valcárcel profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Os premios serán entregados nunha gala musical que se celebrará o 15 de novembro en Vigo coa presenza do alumnado gañador coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.

*Acta do xurado e galería de imaxes galardoadas.

(Premendo aquí podedes ver tamén ao completo a galería de imaxes recibidas: Participantes no VII Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”)

FALLO DO XURADO
Reunidos Sergio Pereira, antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor e Fran Valcárcel, profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 7º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” e

ACORDAN
1º.-Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 7º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.
2º.-O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.
3º.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame,

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Xiomara Barja Alonso – 2º EP
CEIP O Castiñeiro (Laza)
Título: Gaseosas

2º Premio: Leire Blanco Fernández 5 EP
CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar)
Título: Alambique

3º Premio: Inês Cunha Gonçalves – 7º ano
Escola Básica Deu-La-Deu Monçao (Agrupamento de Escolas de Monção)
Título: No átrio da igreja

Accésit: Roi Priego Alonso
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo)
Título: Na vendima

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Ainoa González Cañestro – 2º ESO
IES Número 1 de Ribeira.
Título: Rogelio, meu tataravó palangreiro.

2º Premio: Catarina Marques Pinto – 3º ESO – Ano 9
Escola Secundária Clara de Resende (Porto)
Título: As meninas não são bonecas

3º Premio: Marcos González Pazos – 2º ESO
IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela)
Título: Aprendices

Accésit 1: Iago Rodríguez Edrosa – 1º ESO
IES de Foz (Lugo)
Título: Un día segando o trigo

Accésit 2: Xoán Rivas Seijas – 4º ESO
IES Plurilingüe de Ames
Título: Voda multicultural en 1957

Accésit 3: Irene Álvarez Rodríguez – 2º Bacharelato
IES Plurilingüe de Ames
Título: Como coñecín o voso avó

Accésit 4: Daniela Gómez Pereira – 2º ESO
CPI Virxe da Saleta (Cea)
Título: Maternidade

CERTAME DE PODCAST – Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Alonso Arribas López – 5º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1954 Facendo un palco en Cotobade

Accésit 1: Nicolás Fernández García (Educación Infantil)
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1953 De romaría na Franqueira

Accésit 2: Matilda Fernández García – 1º EP
CEIP Sequelo de Marín
Título: 1950 Traballadoras da fábrica de conservas Herrero

CERTAME DE PODCAST – Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Antón Carou López – 1º ESO
IES Virxe do Mar (Noia)
Título: Seleccionando berberecho

Accésit 1: Iago Varela
IES do Milladoiro
Título: Coas vacas

Accésit 2: Andrés Iglesias Domeque – 2º Bacharelato
IES Politécnico de Vigo
Título: O avó do mar

Premio Especial do Xurado

O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas.

CEP Carlos Casares.Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño)

Esta escola propuxo unha iniciativa que, aínda sen axustarse exactamente ás bases, destaca polo seu valor pedagóxico. Trátase dun proxecto de centro que inclúe unha exposición de obxectos, relacionados co tema do proxecto anual. Neste caso, o tema escollido xira arredor dos xogos tradicionais, baixo o título “Lerias e enredos doutro tempo”, e contou coa colaboración das familias do alumnado que forneceron de moitos obxectos para a elaboración dunha exposición. O proxecto estrutúrase en diversas categorías de interese: xogos de mesa, educativos, bonecos, tradicionais e electrónicos entre outros.

Máis información na web do centro:
http://www.edu.xunta.gal/centros/cepcarloscasares/node/1703
https://www.edu.xunta.gal/centros/cepcarloscasares/node/173

IES de Ponte Caldelas

Alén das imaxes enviadas ao certame convencional, envían o texto e o traballo plástico realizado que forma parte do “Proxecto Comunidade” deste curso:

“Participaron os departamentos de Plástica, Tecnoloxía, Xeografía e Historia e Lingua Galega. Realizaron traballos de investigación a través de entrevistas entre familias e veciños para posteriormente realizar traballo creativo en plástica e dixitalización. Pod-cast, imaxes, vídeos, PDF, todo este traballo deste curso está recollido na web que os representa”

https://isabeltorres.jimdofree.com/proxecto-comunidade-2023-24/

IES Politécnico (Vigo)

O IES Politécnico de Vigo impulsou, coordinou e organizou o proxecto Á luz da Candeira, co obxectivo primordial de traballar co alumnado os valores relacionados coa conciencia de coñecemento, recollida e posta en valor do noso patrimonio cultural inmaterial. Desta maneira, este proxecto centrouse especialmente nos ámbitos da tradición oral e a fotografía antiga; pois, por unha banda, parte do alumnado participou nun proceso de recollida, transcrición e difusión dun repertorio de tradicións orais transmitidas polas súas familias e, por outra banda, outra parte do alumnado realizou unha recolla de fotografías antigas na súa contorna máis próxima. Finalmente, co material recibido creouse a web na que actualmente se pode acceder.

Todo o material dispoñible aquí:

https://aluzdacandeira.wixsite.com/–luz-da-candeira

Vigo a 18 de setembro de 2024

Premendo aquí podedes ver tamén ao completo a galería de imaxes recibidas:
https://www.flickr.com/photos/32237694@N07/albums/72177720318023965/

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

PNO! 7º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas