• Aulas dos concellos de Teo, Salvaterra de Miño, Vigo, Mos, Negreira, Santiago de Compostela, Marín, A Estrada, Culleredo, Noia, en Galicia, ou Barcelos, Monção e Porto, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso Imaxes do Patrimonio.
• Asistiron ao evento en Vigo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luísa Sánchez.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culmina co outorgamento dos premios este 14 de novembro nas vésperas do Día Internacional do Patrimonio.
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galegoportugués.

A capacidade de PNO! de poñer en valor os lazos identitarios, culturais e lingüísticos de Galicia e Portugal entre a mocidade e de “incentivar o interese da xente moza polos vencellos que nos unen coa lusofonía”, foron valores que enxalzou este venres o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a entrega dos premios da 8ª edición do Certame “Imaxes do Patrimonio”.

Luísa Sánchez Méndez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, lembrou o compromiso da institución provincial co traballo da asociación cultural e pedagóxica, que recentemente realizou unha serie de obradoiros de música, radio e patrimonio inmaterial en dez centros educativos. Raquel Gómez Fuentes, representante da consellería de Educación salientou o compromiso dos docentes e das novas xeracións coa posta en valor do patrimonio inmaterial e coas actividades de PNO!.


Pola súa banda, Santiago Veloso, presidente de PNO! destacou o compromiso continuo do profesorado coas actividades da asociación, unha paixón pola posta en valor transmisión do patrimonio inmaterial ao alumnado que se personalizou este venres en Guadalupe García Prieto, do IES Antonio Fraguas, docente que proximamente se xubilará e que leva participando no propio certame Imaxes do Patrimonio desde a súa creación.

O evento foi conducido por “As Armandanzas”, Montse Rivera e Mercedes Prieto, magníficas especialistas na música e danza tradicional, que combinaron o galego e o portugués durante todo o evento, aproveitando para introducir ao público asistente en danzas e músicas de Galicia e Portugal. A gala musical na que foron entregados os premios da oitava edición do Certame Imaxes do Patrimonio contou coa presenza do alumnado gañador e coincidindo coas vésperas da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial (efeméride que se celebra anualmente cada 16 de novembro).
A gala musical celebrouse no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e foi transmitida en directo a través da canle de youtube e a web de PNO! e tamén en directo a través da Radio Piratona, que emite habitualmente a súa programación desde o propio centro cultural.
VÍDEO DO EVENTO:
Peneira de estampas en prol do patrimonio
O oficio artesán dun zapateiro de Barcelos, un grupo de mozas lavando a tripa para facer chourizos, a esfollada do millo nun alpendre entre cantigas, veciñanza axudándose no labrar dos eidos, unha máquina de café portátil percorrendo romarías dos anos 50 do século pasado, mozos portugueses saíndo a unha misión militar a Timor-Leste, a primeira viaxe á cidade da tataravoa Manuel en sidecar, recollida de algas para abono nun carro tradicional, a pesca do polbo hai setenta e cinco anos…
Os anteriores son tema dalgunhas das magníficas estampas, con grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas neste VIII Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte…nas ondas!
O xurado integrárono nesta ocasión Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga, Verena Sevá Nogueira, antropóloga, Cristina Rocha Novoa, fotógrafa, e Fran Valcárcel, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, actuando como secretario con voz e sen voto.
Acceso ás imaxes premiadas: https://pontenasondas.org/viii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

