Ponte... nas Ondas!

A Deputación de Pontevedra e Ponte…nas ondas! impulsan a difusión do modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial recoñecido pola UNESCO

Sete centros educativos da provincia acollerán en novembro obradoiros de radio, música tradicional e patrimonio

Na celebración do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial difúndese o Certame “As imaxes do patrimonio” que chega á X edición

Por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra colabora coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! na realización dos obradoiros «Falamos nas ondas» e na promoción do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. A iniciativa chegará en novembro a sete centros educativos da provincia e dá continuidade ao traballo de sensibilización e transmisión deste patrimonio entre as novas xeracións.

A colaboración enmárcase nun convenio destinado a contribuír á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial (PCI), especialmente entre o alumnado. A través de actividades prácticas, os escolares achéganse ás expresións da tradición oral e musical e aprenden a documentalas e transmitilas mediante ferramentas de comunicación actuais.

Obradoiros «Falamos nas ondas» en sete centros

Os obradoiros combinan narración oral, música, canto, expresión oral, radio e podcast. Nunha sesión práctica, o alumnado participa na preparación e gravación dun podcast en directo, con contidos elaborados polos propios escolares e coa posibilidade de contar con público durante a gravación.

A actividade desenvólvese en dous grupos. Un deles prepara o guión e organiza o programa de radio e podcast, mentres practica as técnicas de gravación coa orientación de Damián Alonso. O outro achégase ás expresións do patrimonio cultural inmaterial e ás músicas tradicionais da man de Pancho Álvarez, preparando pezas que interpretará con instrumentos e voces. Finalmente, os dous grupos únense para gravar o podcast.

O calendario previsto é o seguinte:

2 de novembro — CEIP Santiago de Oliveira (Ponteareas)
4 de novembro — CEIP Barrantes (Tomiño)
16 de novembro — CPI de Mondariz (Mondariz)
23 de novembro — CEIP Manuel Rodríguez Sinde (A Guarda)
25 de novembro — CEIP Leirado (Salvaterra de Miño)
26 de novembro — CEIP Sequelo (Marín)
27 de novembro — IES Terra de Turonio (Gondomar)

Obradoiros anteriores: Preme para escoitar

Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial

A Deputación de Pontevedra tamén colabora na celebración do Día internacional do Patrimonio coa participación nos actos do certame «As imaxes do patrimonio», no que participan centros educativos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A iniciativa invita a alumnado e familias a descubrir o patrimonio presente nas fotografías en branco e negro dos álbums familiares e a recoñecer nelas elementos da memoria colectiva e da vida cotiá.

O pasado 16 de outubro, Ponte…nas ondas! celebrou en Vigo a entrega dos premios da novena edición, na que resultaron recoñecidos 15 centros educativos da Eurorrexión. O encontro, organizado arredor do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, conmemorado pola UNESCO o 17 de outubro, reuniu as comunidades educativas das dúas beiras do Miño nunha xornada de celebración e intercambio.
Os traballos premiados xa se poden consultar na web de Ponte…nas ondas!: https://pontenasondas.org/ix-certame-premiadas/

O certame prepara xa a súa décima edición.

Un modelo de referencia para a UNESCO

O modelo de Ponte…nas ondas! foi escollido pola UNESCO como exemplo para a nova plataforma internacional de boas prácticas de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, destinada a dar visibilidade a iniciativas que contribúen á protección e transmisión deste patrimonio en todo o mundo. Na sesión celebrada en Nova Delhi presentouse o proxecto piloto da plataforma, no que se mostraron imaxes e actividades desenvolvidas por Ponte…nas ondas!. ( https://youtu.be/Zp73bEhRl7I?si=Jqn6CyRN1DSFRbBC )

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! é unha entidade sen ánimo de lucro que promove actividades culturais e educativas e traballa pola preservación, difusión e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Desde 2016 está acreditada pola UNESCO como organización consultora en materia de patrimonio cultural inmaterial.

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here

Exposición - Un modelo para o mundo
Falamos nas Ondas
Baner Modelo PNO!
Xornada Multimedia 2026
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas