• O Multiúsos de San Cristovo de Cea acolle este martes 28 de abril o primeiro dos eventos desta iniciativa, que contará co protagonismo nesta súa primeira parada do CPI Virxe da Saleta e a actuación en directo de Magín Blanco.
• O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural de Casa de Tolos e a Asociación Ponte… nas Ondas!, realizado ao abeiro da liña Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
• Muros, A Ribeira de Piquín, Mondariz Balneario, Castro de Rei e Quiroga serán as próximas paradas do RadioVisual.
O RadioVisual do Patrimonio é un proxecto de dinamización cultural, educativa e social ao longo das rutas xacobeas, baseada na realización de eventos participativos en directo que combinan música, palabra e creación audiovisual. A iniciativa conecta territorio, mocidade e comunidade, xerando contido e experiencia arredor dun dos principais símbolos culturais de Galicia.
San Cristovo de Cea é a primeira das seis paradas que o evento fará en diversos concellos galegos durante esta primavera. Así, este martes 28 de abril, o Multiúsos deste municipio acollerá o proxecto, co protagonismo para a escola local, o CPI Virxe da Saleta. Co xornalista Xosé Manuel Diego Ferreira como mestre de cerimonias, e co alumnado deste centro educativo aos micrófonos, transcorrerá, desde as 12:00 horas, unha xornada que poderá seguirse en directo na rede a través da web www.oradiovisual.com e da web da asociación Ponte… nas Ondas! (www.pontenasondas.org).
Entre outros, poderemos escoitar ao compositor e cantante ourensán Magín Blanco, auténtica referencia na música infantil en galego, quen será o artista convidado que afrontará o desafío das preguntas do alumnado. Tamén responderá á cativada unha panadeira local, que descubrirá para a audiencia os secretos do ben famoso pan de Cea, así como o propio rexedor local, que se someterá á curiosidade das nenas e nenos da escola.
Territorio Cultura
Casa de Tolos é unha compañía do sector audiovisual especializada en produción musical con grande experiencia profesional no campo musical, con máis de 1000 traballos musicais gravados e mesturados nos seus estudos en Gondomar (Pontevedra) por onde pasaron músicos e produtores de recoñecido prestixio nacional e internacional. Conta tamén con ampla experiencia na realización de numerosos contidos para distintas televisións e canles de video on demmand en plataformas de TV cabo e online.
A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais, a través da súa liña ‘Territorio Cultura’, destinada á ampliación e diversificación de oferta cultural en áreas non urbanas.

