● No marco do Sons do Noroeste a Livraria Centésima Página da cidade será escenario dun debate e presentación deste traballo.
● O libro, impulsado por Ponte…nas Ondas! foi editado co apoio da área de lingua da Deputación da Coruña, baixo a autoría de dous estudosos e investigadores da literatura oral galego-portuguesa, os profesores Domingo Blanco de Galiza e Carlos Nogueira de Portugal.
A Livraria Centésima Página de Braga acolle esta terza feira, 21 de xullo, ás 18:30 (hora portuguesa), a apertura do 6.º Sons do Noroeste, festival de música que se celebra os días 21, 28 e 29 de xullo de 2026, dedicado aos sons do noroeste peninsular e á música contemporánea de raíz. A sesión de apertura incluirá unha sesión de debate e presentación do ‘Cancioneiro galego portugués’, obra saída do prelo coincidindo co anterior Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial e que repasa a literatura de tradición oral partillada entre Galicia e Portugal, cuxas orixes se remontan ás medievais cantigas de amigo.
O evento, con entrada libre, contará coa presenza dos dous autores e investigadores da literatura oral galego-portuguesa: os profesores Carlos Nogueira (Portugal) e Domingo Blanco (Galiza). O encontro será complementado por momentos musicais ao vivo a cargo da artista galega Su Garrido e do músico bracarense Daniel Pereira Cristo, que ilustrarán de que forma a lírica centenaria continúa a servir de vehículo de comunicación de historias, valores e identidade no presente.
A publicación, promovida pola Associação Cultural e Pedagógica Ponte…nas ondas! (entidade consultora da UNESCO para o Património Cultural Imaterial) e editada pola Deputación da Coruña, analiza as afinidades lingüísticas, métricas e as variantes deste patrimonio vivo en ambos os lados do rio Miño.
“Este patrimonio común que sobreviviu por riba das fronteiras reflíctese neste cancioneiro tradicional que se mantén vivo nos territorios da lusofonía e nós, como sociedade, temos a responsabilidade de coidalo e transmitirllo ás novas xeracións. Ponte…nas ondas! reivindica a existencia dun patrimonio común galego-portugués e este cancioneiro é unha achega imprescindible para o seu coñecemento e a súa difusión”, explica Santiago Veloso, presidente da asociación.

