• Aulas dos concellos de Teo, Salvaterra de Miño, Vigo, Mos, Negreira, Santiago de Compostela, Marín, A Estrada, Culleredo, Noia, en Galicia, ou Barcelos, Monção e Porto, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Asistirán ao evento en Vigo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luísa Sánchez.
Coa actuación d’As Armandanzas, Montse Rivera e Mercedes Prieto, magníficas especialistas na música e danza tradicional, e que serán tamén as encargadas de conducir o evento, Ponte… nas Ondas! celebra este venres 14 de novembro a gran festa do Día Internacional do Patrimonio. Unha gala musical na que serán entregados os premios da oitava edición do Certame Imaxes do Patrimonio. Coa presenza do alumnado gañador e coincidindo coas vésperas da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial (efeméride que se celebra anualmente cada 16 de novembro).
A gala musical celebrarase no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e será transmitida en directo a través da canle de youtube e a web de PNO! e tamén en directo a través da Radio Piratona, que emite habitualmente a súa programación desde o propio centro cultural. Asistirán ao evento o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luísa Sánchez.

