Ponte... nas Ondas!

IX Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”: As gañadoras!

Acta do xurado e galería de imaxes galardoadas.
(Premendo aquí podedes ver tamén ao completo a galería de imaxes recibidas)

FALLO DO XURADO
Reunidos Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga, Verena Sevá Nogueira, investigadora e antropóloga, Sergio Pereira Ibañez, antropólogo, Cristina Rocha Novoa, fotógrafa, Fran Valcárcel, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, e Mª Jesús Álvarez Paz, secretaria da asociación actuando como con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 9º Certame de fotografía “As imaxes do patrimonio” e

ACORDAN

.- Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 9º Certame de fotografía “As imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! que ten como un dos seus obxectivos transmitir ás novas xeracións os diferentes ámbitos do Patrimonio Inmaterial galaico portugués, a través das fotografías en branco e negro dos albumes familiares. As fotografías debían ir acompañadas dun texto explicativo ou un podcast.

.- O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto ou podcast que acompaña a cada unha das imaxes, polo que, propón a Ponte nas…ondas! que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

.- Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame,

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Martín Otero Estévez
CEIP Lope de Vega. Vigo
Título: “OS MARIÑEIROS DO FARRUCACHO”

Texto:
O Farrucacho era o barco onde traballaba o meu bisavó Modesto ( no centro da fotografía con chapeu). O Farrucacho foi un pesqueiro con base en Bouzas e que faenaba no Gran Sol nos anos 50 e 60. Os mariñeiros pasaban moitos días no mar e despois volvían a Vigo.
Os mariñeiros traian unha parte da pesca que se chamaba quiñón. O meu bisavó repartíao cos veciños e o que sobraba botábano nos campos como abono para ter mellores colleitas.
A vida era dura no mar, e con pouca seguridade. O meu bisavó era un “home sabio”. Non sabía ler nin escribir porque non tivo a oportunidade cando era neno, pero todos respectaban a súa opinión e pedían o seu consello. Tivo cinco fillos, dez netos e moitos bisnetos que o recordan con moito cariño.


2º Premio: Simón Rodríguez González
CEIP Seis do Nadal. Vigo
Título: “ESFOLLANDO O MILLO”

Screenshot

Texto:
A imaxe representa un momento da familia esfollando as mazarocas de millo en San Bartolomé, en Tui, aproximadamente no ano 1962. Tres xeracións traballando xuntos, avós, nai e fillos, nunha das tarefas cotiás fan necesarias para despois facer o pan e darlle de comer aos animais. Este momento representa a axuda mutua dos membros da familia, era un dos momentos do ano no que se xuntaban diferentes xeracións. Ademais o esforzo físico que supuña esfolar e debullar o millo aliviábase coa palabra existindo un gran repertorio de “cantigas de esfollada” transmitidas de viva voz durante siglos, creando ademais un léxico propio específico da cultura do millo (caruncho, gaspallás, bragada, espiga, carolo…) que forma parte do patrimonio lingüístico. Atopar unha mazaroca vermella (millo rei), era símbolo de boa sorte, polo que todos a buscaban.


3º Premio: Daniela Hernández Paz
CEIP Atin-Cela. Mos
Título: “O MONTADOR DE CIRCOS”

Texto:
Nesta foto aparece o meu bisavó Xosé traballando no circo Canadá. O meu bisavó traballaba montando o circo por toda España sobre todo en Cataluña para poder gañar cartos cos que mercou as viñas que aínda agora traballa o tío da miña nai. As viñas atópanse en Ourense onde vivía o meu bisavó Xosé, en concreto se atopábanse en Beade.
O meu bisavó Xosé é por parte da miña avoa materna. O meu bisavó tiña que marchar moi lonxe para poder traballar, iso incluía que tiña que deixar a súa familia para marchar a montar a carpa do circo por toda España.
Na foto aparece o meu bisavó e os seus compañeiros, o meu bisavó é o que tiña camiseta branca e estaba apoiado no camión. A foto sacouse arredor do 1954.


 

Accésit: Izan Gómez Domínguez
CEP Altamira. Salceda de Caselas
Título: “A FRANQUEIRA, MEMORIA VIVA”

Texto: Esta fotografía recolle un momento moi especial da miña familia na Romaría da Franqueira. Nela aparece o meu bisavó xunto cos seus pais e irmáns, compartindo un día de festa, convivencia e tradición. As romarías eran moito máis ca unha celebración relixiosa: eran lugares de encontro onde familias e veciños fortalecían lazos de amizade e comunidade. As bicicletas e a moto que aparece na imaxe amosan tamén a forma na que moitas persoas se desprazan para participar nesta festa. Hoxe, esta fotografía é moito máis ca un recordo familiar, é a mostra do patrimonio inmaterial que herdamos dos nosos devanceiros e que debemos conservar para futuras tradicións. As raíces que se lembran nunca deixan de me- drar. Lembranzas que nos unen e nos fan quen somos. Tradición, familia, Patrimonio.


Accésit: Odín Suárez Lobato
CEIP Lamas de Abade. Santiago de Compostela
Título: “A EMIGRACIÓN: UN ANTES E UN DESPOIS. (OS MEUS ANTERGOS)”

Texto:
Nesta foto do ano 1954, posan os meus tataravós José e Juana co seu fillo Ramón (Tío Ramón). Emigrara no ano 1934 á Arxentina despois de ser reprochado polos seus propios pais, botándolle en cara que era un vago e por non querer coller as rendas da hacienda da casa (a él e aos irmaos). Para poder coller o barco, o seu pai pedira 50 pesos (250 pesetas) pero el en lugar de coller o billete meteuse de polizón na bodega. Ao chegar ao Porto de Brasil collérono e deportárono de volta.
Imaxinádevos cando nas festas de S. Miguel o viron chegar de volta. Non o podían crer!. Meses despois volveu pedirlles para marchar, pero desta volta, seu pai pediulle a un veciño os 50 pesos e acompañou ao seu fillo ata o mesmo embarque, billete en man. O ano en que fixeron esta fotografía viñeron o “Tío Ramón” e o seu irmán “Tío Emilio”, para demostrarlles a seus pais o ben que lles fora. Xa tiñan varios negocios! Entre eles algunha xoiería. No barco trouxo precisamente para darlle nos dentes a seu pai, o seu imponente “Buick Sedonette” do ano 1950, un dos coches máis icónicos da historia dos EEUU. Imaxinádevos… Cando non había un coche na aldea, máis que a liña de bus que pasaba 2 veces ao día en dirección Compostela.
A fotografía está feita “Nos Castros”, unha leira que está na parte de arriba da eira da casa familiar, e que está sobre un dos Castros non excavados máis grandes de todo Galicia: “O Castro de Moimenta” (Arnois, Moimenta- A Estrada)


 

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio:
Jimena Olmos Fontán
IES Valadares. Vigo
Título: “MONTES XAÍCES EN MATAMÁ”.

Texto:
Polo ano 1904 naceu Silverio o meu bisavó, empezou a traballar pola pedra de Matamá, pero o que el non sabía é que ía gustarlle tanto que traballaría toda a vida da súa afección. Nesta foto dos anos 30 podemos ver coma o meu bisavó mais uns homes están nos Montes Xaíces en Matamá. Ao fondo pódese observar a cidade de Vigo naquela época, era moito mais pequena xa que apenas estaba Citroën (onde traballaría o meu avó tempo despois) e edificios de poucos pisos. Eles están picando un anaco de pedra na canteira que non sigue en funcionamento pero aínda pódese ver nestos momentos o buraco. Vese como os traballadores teñen boinas na cabeza e roupa de traballo para protexerse do duro sol nese pico do outeiro. Axúdanse dunhas palancas, feitas de metal, para botar a pedra abaixo, debe pesar bastante xa que necesitan de tres traballadores e as ditas palancas para movela.
Así comezou a vida dun novo canteiro na familia Rodríguez de Matamá que ten un montón de anécdotas. Polos anos 80 mentres traballaban facendo nichos no camposanto de Matamá, uns deses días de verán de moito calor cando meu bisavó estaba xornada completa apicotando, víñolle o sono e botou unha sesta nun nicho, imaxínate! Esta anécdota aparece polos anos 90 nun xornal, falando das propiedades do camposanto non podían omitir este acontecemento.
A miña tía, a miña nai… contáronme unha chea de relatos nos que meu bisavó era o protagonista, coma cando inaugurou a rúa Manuel Cominges en Matamá… pero iso é outra historia. Ata logo! Eu voume co meu saco de anécdotas a investigar para contarvos mais no próximo xantar.


 

2º Premio: Elia Granja Ramírez
IES San Paio. Tui
Título: “ A MALLA”

Texto: Vilanova, Lalín. 1956
A foto representa unha malla. Era un traballo que facíase nas aldeas en xullo ou agosto, cando o cereal estaba xa maduro. Os veciños reuníanse e metían nesta máquina os mollos, que eran brazados deste cereal, e a máquina separaba a palla do gran, que saía limpo de todo. Isto facíase nas eiras, que era un espazo moi limpo e aínda que era un día duro e sucio porque levantábase moito po, tamén era un día de alegría porque andaban os veciños todos xuntos, primeiro nunha casa e logo na outra, e ademais de traballar divertíanse moito, como se ve na imaxe na que todos saen sorrindo. A malla implicaba varias tarefas: por exemplo, o da esquerda, que é un rapaz duns quince anos facía palleiro, outros metían os mollos a triturar e logo outros tiñan que limpar o grao e metelo en sacos. A máquina era dun señor que viña normalmente de fóra da aldea e ía por elas ofrecéndoa. Ademais soltaba un ruído impresionante e escoitábase no pobo do lado, o que anunciaba de paso a súa chegada, e facía que os veciños se preparasen xa para a súa quenda. O traballo duraba varios días, ata que todas as casas a tiveran feito. Finalmente, o nome, malla, non ten que ver con “maio” senón con “mallar”, que significaba separar o grao da palla, e marcaba o final do cultivo do cereal para poder facer logo o pan nos fornos.


 

3º Premio: David Cardoso Oliveira
AE Vale de S.Torcato. Guimarães
Título: “O CASAMENTO”

Texto:
Esta fotografia de 1966 retrata o casamento dos meus avós paternos. O casal continua junto até aos dias de hoje e celebrou, em dezembro, 60 anos de casamento. O meu avô começou a trabalhar aos nove anos e a minha avó aos seis, ambos numa quinta. Mais tarde, casaram e tiveram oito filhos: três rapazes e cinco raparigas. A fotografia do seu casamento foi tirada em frente ao cemitério, junto à Igreja Paroquial de São Lourenço, fundada no século XVI, onde se realizou a cerimónia. A nossa família guarda muitas boas memórias. Uma delas aconteceu quando o meu pai foi levar as vacas a pastar e uma delas caiu num riacho, sendo necessário chamar um reboque para a retirar. A minha avó deslocava-se todos os dias à Quinta de Picouto para levar os alimentos cultivados pelos meus avós. A minha tia mais velha aprendeu a cozinhar com ela e, atualmente, é proprietária de um restaurante de comida típica portuguesa. Os meus tios e o meu pai dormiam no sótão da casa, que no verão era fresco, mas no inverno tornava-se muito frio. Ainda hoje, a mesma casa continua a ser habitada pela família. O meu pai e tios frequentaram também a escola de Gominhães, que atualmente se encontra encerrada. A minha família é conhecida como “a família da Viúva”, porque a mãe do meu avô ficou viúva muito cedo. Esta história mostra a união, o trabalho e as memórias que tornam a minha família tão especial.


 

Accésit: Claudia Villaverde Amoedo
IES Valle Inclán. Pontevedra
Título: “AS COSTUREIRAS DO MAR”

Texto:
Nesta fotografía, tomada en Combarro alá polos anos 40, aparece a miña bisavoa Saturna exercendo un oficio tan silencioso como esencial: o de redeira. Mentres os homes saían ao mar, eran moitas as mulleres que, coma ela, pasaban horas cosendo redes coas súas mans pacientes, sostendo sen recoñecemento boa parte da vida mariñeira do pobo. Saturna medrou entre fíos, salitre e pedra, orgullosa das súas raíces e dun traballo duro que aprendeu sendo apenas unha nena. Sempre adoitaba contar o esforzo que requiría facer cada rede, mais tamén a satisfacción de saber que nelas ía un anaco da súa vida. Nos seus últimos días, cando a memoria empezaba xa a esvaecerse, Saturna facía estraños movementos coas mans, coma se estivese a coser redes invisíbeis no aire. Porque hai cousas que o tempo non pode borrar e quedan para sempre gravadas no corpo e no corazón.


 

Accésit: Lara Moreira Moça
Escola: AE Aver-o-Mar. Póvoa de Varzim
Título: “ENTRAMOS PELA IGREJA, SAIMOS PELA PISTA!”

Texto:
A fotografia apresenta um grupo de convidados reunidos ao ar livre durante uma festa de casamento, datada de meados da década de 1960. Alinhados lado a lado, os participantes exibem trajes formais característicos da época: fatos de corte clássico, casacos compridos e gravatas nos homens, e conjuntos estruturados com saias e casacos nas mulheres. O momento é de convívio social, evidenciando a importância do acontecimento. O cenário natural, com vegetação densa ao fundo, reflete um ambiente rural, típico das celebrações familiares da época. Os detalhes do vestuário, dos penteados e da postura corporal refletem os códigos de elegância e respeito próprios dos anos 60, preservando, nesta imagem, um testemunho genuíno das práticas sociais e culturais associadas às festividades de casamento da época.


 

CERTAME DE PODCAST

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

Premio: Axel Quintas Muíños
CEIP Sequelo. Marín

Título: “1958. GHABELAS EN LAMPAZA, RAIRIZ DE VEIGA”
Ligazón ao podcast: https://go.ivoox.com/rf/176455364


Accésit: Matilda Fernández García
CEIP Sequelo. Marín

Título: “40s. HOMES DE FERRO EN BARCOS DE MADEIRA”
Ligazón ao podcast: https://go.ivoox.com/rf/176455530


 

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

Premio: Xiana Gayoso Vega
IES S. Rosendo. Mondoñedo

Título: “OS FERREIROS DE SANTO ADRAO”

Ligazón ao pódcast: https://www.spreaker.com/episode/certame-imaxes-dopatrimonio-2026-os-ferreiros-de-santo-adrao—72456076

Texto:
Esta fotografia é do ano 1951, nela sae meu avó e un tio de meu pai. Están traballando na forxa da miña casa cunha máquina importada de Alemaña, que pasa aqueles tempos nesta zona era toda unha novidade.


 

Accésit: David Sousa Bouza
IES Valadares. Vigo

Título: “RECOLLENDO CAÑAS”
Ligazón ao pódcast:
https://www.ivoox.com/recollendo-canas-audios-mp3_rf_176442770_1.html

Texto:
Na foto aparece o meu avó e o seu irmán, era o dia de San Roque, o 16 de agosto. Había temperaturas moi elevadas debido as alturas do verán nas que estaban e tendo en conta que era nun pobo ao carón de Ourense, o punto mais lonxe do mar de todo Galiza. O seu irmán e el estaban a xogar a recoller cañas, era un xogo de concentración debido a que tiñan que fixarse moito para atopar cañas e era unha boa forma de desconcentrarse do calor, o obxectivo era haber quen conseguía mais cañas, e o premio era orgullo puro e duro, ademais ao ser o dia de San Roque, ia a haber unha fogueira onde se queimaban as cañas, entón aparte de conseguir cañas, tiñan que roubalas antes de que fosen queimadas, se eran roubadas eran 2 puntos, e se eran encontradas polo bosque era 1 punto, outro factor que tamén contaba puntos era como de largan eran as cañas, canto mais largas menos puntos porque era moito mais fáciles de miralas, e canto mais cortas eran mais puntos contaban, non valía encontrar unha caña larga e partila para que fose corta e contase mais puntos.


 

Premio Especial do Xurado

O xurado acorda por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder catro mencións especiais a catro escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas. Estas son:

IES PEDRAS RUBIAS. Salceda de Caselas.

PROXECTO: “Recuperación de prensa antiga e posta en escena a obra teatral Salceda en Festa.”

“Salceda en festa” é unha obra de teatro que foi publicada por entregas no diario “El Agrario” do Centro de Protección Agrícola de Salceda de Caselas en Bos Aires entre o ano 1917 e 1926 e representada con gran éxito naquela época entre os emigrados bonaerenses. Alí mostrábanse múltiples aspectos relacionados co patrimonio salcedense como as romarías tradicionais coas súas músicas e bailes, o Rancho de Reis, a tradición das espadañas ou o sorteo das roscas. Ademais de recuperar numerosas fotografías das representacións, o grupo de teatro do IES Pedras Rubias, “Mutis polo Foro”, ensaiou a obra de teatro e, despois de facer un adianto no programa de radio realizado no CUVI o pasado 24 de abril para a Xornada de Ponte…nas ondas!, representouna no auditorio de Salceda os días 15, 16, 21 e 25 de xuño. Envían un link no que se poden coñecer as distintas fases do proxecto.
Ligazón ao pdf:
https://drive.google.com/file/d/1bvs6bfsc2xJ4Eno3OXuFixgBys8eMX1A/view?usp=sharing


 

IES VALADARES. Vigo

O traballo foi realizado desde as clases de Galego de 1º ESO e de Portugués de 3º ESO. Ademais, incorporaron os resultados ao blog da Biblioteca e á páxina web do instituto, para que todo quedase recollido nun Canva con formato de libro antigo, seguindo a liña do proxecto realizado o curso pasado. En cada páxina inclúese unha fotografía, a redacción correspondente e un código QR que enlaza co audio, subido a Ivoox. Pódese consultar o proxecto na seguinte ligazón: https://sites.google.com/iesvaladares.org/ponte-nas-ondas-iesvaladares25/inicio/curso-2526/imaxes-do-patrimonio-2026

E o conxunto das 42 fotografías, as redaccións e os audios poden verse na galería completa de imaxes do certame desta edición.

 


IES DE AMES. Bertamiráns

Por segundo ano consecutivo envían unha peneira de fotografías froito dun traballo amplo e sistemático caso involucrou a alumnado de 2º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato que as recolleron e redactaron os textos. Os traballos poden consultarse na galería completa de imaxes do certame desta edición. 

 


 

CPI VIRXE DO MONTE. Cospeito, Lugo

O CESTEIRO DE SISTALLO
Este curso fixeron un proxecto cheo de tradición, creatividade e memoria colectiva arredor da cestería chairega e da figura de José Anido Goiriz, “O cesteiro de Sistallo” a través dunha fotografía do cesteiro, cedida pola familia, que foi tomada arredor do 1970 e nela pódese ver a José rodeado de cestos. No centro recordaron a figura de José coa axuda do seu fillo Pedro, que durante o mes de maio ensinoulles a facer un cesto e contoulles un pouco da vida de seu pai nunha entrevista realizada na radio da escolao. Pedro segue co legado de seu pai, converténdose así na 3º xeración de cesteiros da súa casa. O alumnado do cole de Cospeito e tamén o Centro de Día Vila de Valverde de Cospeito crearon murais, flores tecidas, cestas, tapetes, carteis e moitas creacións inspiradas na arte de tecer e no oficio da cestería. Todo mostrado nunha exposición realizada no Castro de Viladonga.

Envían links de todas as actividades deste proxecto:
Pedro, o fillo de José pasou pola nosa radio para unha entrevista:
https://bibliocpivirxedomonte.blogspot.com/2026/05/entrevista-con-pedro-anido.html

Podcast: https://www.ivoox.com/entrevista-pedro-anido-cesteiro-audios-mp3_rf_173321764_1.html

https://www.instagram.com/reel/DZCtSxdIKDN/?igsh=OHR0OTY4cm5wYmFy

Os traballos que fixo o alumando do centro en torno o oficio da cestería:
https://bibliocpivirxedomonte.blogspot.com/2026/05/do-ser-e-do-facer-chairego-exposicion.html

www.instagram.com/reel/DYgltxioCpl/?igsh=YnhjcG8yczU4NmQ=
https://www.instagram.com/reel/DYwVq0wocMW/?igsh=MWF6M2I5a3ZxNmpidg==
https://www.instagram.com/reel/DZTAufuoKUg/?igsh=bXM5bnlnam5xMmg5

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

Baner Modelo PNO!
PNO! 9º Certame de Recolla de Imaxes do Patrimonio
Así foi o evento do 30 aniversario de PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Obradoiros de radio escolar con PNO!
Meninhos Cantores 2
Proxecto dixital Memoria e Patrimonio
Arquivo dos Certames de Imaxes polo Patrimonio
1 Modelo para o Mundo
SmartMinho - Tesouros Humanos Vivos
1 Patrimonio para o Futuro
Escolas nas Ondas