Ponte…nas ondas! participou o sábado 17, coincidindo co propio Día do Patrimonio Cultural Inmaterial, na homenaxe que se lle rendeu aos regueifeiros do Concello de Ponteceso realizando un podcast en directo con mozos e mozas do IES de Ponteceso, centro da Rede “modelo PNO!” da Consellería de Educación.
O acto tivo lugar no salón de actos do local sociocultural de Xornes, dende as 18.00 horas. Abriu unha sesión de radio-regueifa a través de Ponte…nas Ondas!, no que tomaron parte alumnado e mocidade de Bergantiños. Xa ás 19.00 botou a andar o acto de homenaxe, conducido por Alberto Liñares, profesor e participante na Escola de Regueifa de Carballo. A continuación interviu Domingo Blanco Pérez, un dos maiores estudosos da arte da improvisación, que desta volta presentou a investigación ”Cantadores improvisadores do concello de Ponteceso”. Domingo Blanco é coautor do “Cancioneiro galego-portugués” promovido por PNO! e editado pola Deputación de A Coruña.
Esta xornada estivo organizada polo Concello de Ponteceso e a Fundación Eduardo Pondal.




