A Asociación Cultural e Pedagóxica Pontes… nas Ondas! (PNO) inaugurou este xoves no Claustro Superior do Colexio Fonseca, en Santiago de Compostela, a exposición ‘Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte… nas Ondas!
Unha ducia de centros educativos de toda Galicia visitarán a exposición nas próximas semanas
A mostra, que permanecerá aberta ata o 20 de novembro no marco do programa Outono Cultural 2026, celebra tres décadas dunha aventura colectiva nacida nas aulas que transformou a radio escolar nunha «ponte viva» entre Galicia e Portugal, capaz de converter a milleiros de nenas e nenos en activos transmisores da súa identidade común.
No acto de inauguración participou alumnado do CEIP da Ramallosa (Teo), membro da Rede de Centros Modelo Pontenas Ondas!, e participaron tamén Ana Cabana Iglesias, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Ángel Miramontes, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Carlos Toural, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e Santiago Veloso, presidente de PNO!.
Durante a inauguración, o presidente de Ponte… nas Ondas!, Santiago Veloso, explicou que a exposición amosa «só a punta do iceberg, unha pequena parte do que viviron miles de alumnos e profesores que pasaron pola nosa ponte dende 1995».
Veloso lembrou que estas emocións forman parte da bagaxe dun proxecto que nace “para traspasar fronteiras, tender pontes entre a escola e a sociedade e retransmitir o patrimonio galego-portugués ás novas xeracións, dando voz aos portadores”.
Pola súa banda, a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, destacou a capacidade da iniciativa para tecer vínculos entre profesorado e alumnado de ambas marxes do Miño e tamén entre xeracións: «rachou unha fronteira moi importante, que é a idea de que o patrimonio inmaterial estaba fóra das aulas e da mocidade; é moi interesante que a escola se preste a ser esa ponte, cos contos, a música e o coñecemento de avós e avoas».
Na mesma liña, o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes, valorou a «magnífica exposición» e destacou o impulso que supuxo a inscrición da UNESCO en 2022 para visibilizar o impacto dun proxecto cuxa diversificación «vai moito máis alá da radio, abranguendo congresos, publicacións e exposicións».
Por último, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural, destacou que PNO! “innovou aínda antes de que existise o propio campo da innovación no ámbito da cultura dixital”, levando trinta anos a facer creación colectiva para “tecer identidade e tecer o común a través da comunicación”.
Lonxe dunha exposición estática, a proposta concíbese como unha experiencia participativa na que o público pode escoitar, ver e interactuar coa memoria cultural galego-portuguesa a través de códigos QR, arquivos de son e vídeo, ilustracións e pantallas táctiles.
A historia comeza o 29 de marzo de 1995, cando dezaseis colexios de ambas as beiras do Miño celebraron a inauguración da ponte internacional entre Salvaterra e Monção cunha xornada histórica de doce horas de radio escolar.
A través dunha cronoloxía e material documental da época, o visitante descobre como evolucionou aquela primeira antena pendurada dun poste: das cintas de casete en 1997 pasou á primeira emisión por internet, ata dar vida ao actual concepto “radiovisual”, un formato híbrido e dixital que amplía as posibilidades de participación dos centros educativos.




