• Presentada a candidatura por parte de Portugal e España en marzo de 2021, será a primeira inscrición para Portugal e Galicia
• Un ano de avaliacións que culminará na inscrición como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial ) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO
Despois de ser presentada na UNESCO o pasado mes de marzo polos embaixadores de Portugal e España, a candidatura de Ponte…nas ondas! entrou na fase final avaliación por parte do organismo nternacional. Nesta etapa o comité avaliador decide as propostas de inscrición das candidaturas de patrimonio inmaterial para ser proclamadas na XVII sesión do Comité da UNESCO que se celebrará no próximo mes de decembro.
As boas prácticas
Ademais da Lista Representativa do PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial), o Rexistro das Boas Prácticas está conformado por experiencias que demostren a súa eficacia na preservación e a transmisión do patrimonio vivo. Estes métodos e enfoques deben entenderse como modelos e ensinanzas útiles adaptables a outras circunstancias, incluso en países en desenvolvemento.
Desde o ano 2009, foron 29 as boas prácticas seleccionadas. España conta con 3 inscricións e Portugal non ten ningunha. Para Galicia a inscrición de Ponte…nas ondas! na UNESCO tamén sería a primeira.
O modelo presentado
A candidatura presentada por Portugal e España, co apoio de Xunta de Galicia, é o modelo de Ponte…nas ondas! que integra, nunha experiencia de comunicación, a preservación do patrimonio cultural inmaterial entre dous países. O traballo co patrimonio a través da práctica radiofónica permite a transmisión ás novas xeracións de prácticas e expresións representativas do patrimonio cultural inmaterial. As xornadas de radio transfronteirizas fomentan o coñecemento e a conciencia de compartir un patrimonio común por riba das fronteiras administrativas.
As boas prácticas realizadas por Ponte…nas ondas! desde hai máis de 25 anos veñen acreditadas por diversos recoñecementos internacionais como o selo de “Buena práctica iberoamericana” concedido polo Ministerio de Educación de España ou o premio ONDAS “pola mellor cobertura do patrimonio inmaterial galego-portugués”.
Ponte…nas ondas! foi tamén acreditada pola UNESCO como ONG consultora para o PCI en 2016, acreditación que foi renovada en 2021 despois de avaliar o Comité da UNESCO o traballo desenvolvido neste último período (as ONGs acreditadas deben remitir un informe da actividade realizada cada 5 anos).
O exemplo de Meniños Cantores
Ponte…nas ondas! vén de presentar o traballo Meniños Cantores 2 que se concreta nun libro-USB e unha web (www.meninoscantores.com). Este proxecto dá continuidade ao editado en 2005 e amplía o seu contido cunha serie documental de 4 capítulos que está emitindo a TVG aos domingos a partir das 19.45 hs.
Para a UNESCO a transmisión interxeracional é o principio fundamental para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e a condición esencial para a sua sustentabilidade